Ir o contido principal

O profesor Francisco Herrera falará na USC sobre os principais indicadores en cienciometría e bibliometría

O profesor Francisco Herrera pronunciará este mércores 12 a conferencia ‘Cienciometría e Bibliometría: algúns datos das Universidades españolas’ na que presentará unha visión global das metodoloxías e indicadores máis difundidos, como poden ser o ‘índice h’, os ‘Journal Citation Reports’ (JCR) ou o propio índice IFQ2A do ranking ISI das Universidades españolas. Herrerá fará especial fincapé neste último, tomando como caso, entre outros, da situación e evolución do mesmo na área de Medicina Clínica, Farmacia e Farmacoloxía. A intervención comezará ás 12:30 horas no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago, destacando as particularidades da cienciometría e a bibliometría como as ramas encargadas da medición dos resultados da propia ciencia. A sesión, á que tamén asistirá o vicerreitor de Investigación, Francisco González, forma parte do ciclo de conferencias promovido polo Campus Vida. Francisco Herrera, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial é un dos autores do recentemente publicado ‘Ranking ISI das Universidades Españolas’, que permite avaliar a calidade das investigacións que se realizan nas universidades españolas. O conferenciante, atendendo ao ‘h index’ ao que tamén se referirá, é o investigador nacional máis destacado da súa área e un dos investigadores internacionais máis citados no seu ámbito de traballo.

Autor de preto de 200 publicacións en revistas internacionais, varios libres e director de máis de vinte teses, foi merecedor pola súa traxectoria investigadora do Premio Nacional de Informática ‘Aritmel’, outorgado pola Sociedade Científica Informática de España, e o IV Mamdani Prize for Soft Computing, que promoven Cajastur e o European Centre for Soft Computing. Ademais é profesor convidado externo dende hai varios anos no Máster de Investigación en Tecnoloxías da Información impartido polo Departamento de Electrónica e Computación da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2011.