O profesor Francisco Puy recibiu a homenaxe da Facultade de Dereito
O profesor da USC Francisco Puy recibiu este xoves 12 unha homenaxe na Facultade de Dereito por parte de numerosas amizades e persoas coas que colaborou ao longo da súa traxectoria académica. O acto coincide co 75 aniversario do homenaxeado que logo da súa xubilación continuará vinculado coa docencia e a investigación en Dereito como profesor emérito.
No acto, o profesor Puy recibiu un volume homenaxe no que participaron docentes de Filosofía do Dereito de España, Europa, América e Asia coordinados pola catedrática de Filosofía do Dereito da USC Milagros Otero. A obra leva por título Tópica, Retórica y Dialéctica en la Jurisprudencia e está concibida como un diálogo co profesor Puy sobre o seu campo de actuación e a través das cuestións que o ocuparon durante estes últimos anos e nas que conseguir achegar un enfoque orixinal e novo. En total, recóllense preto de medio centenar de artigos.
A sesión celebrouse no propio centro compostelán presidida polo vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e no que tamén interviñeron o decano do centro, Luis Míguez Macho; o director do Servizo de Publicación, Juan Blanco; e a directora do Departamento de Dereito Público Especial, Raquel Castillejo. Tamén asistiron entre outros, os alcaldes de Santiago e de Cambil, localidade da que é orixinario, o deán da Catedral, así como unha numerosa representación de compañeiros, amigos e familiares.
A profesora Milagros Otero, no centro, coordinou o volume A homenaxe contou cunha numerosa asistencia