O profesor Gonzalo Fernández será o primeiro convidado do Café Científico que comeza este venres en Lugo
O científico e profesor da USC, e tamén membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Gonzalo Fernández, será o encargado de inaugurar este venres, 7 de novembro, o primeiro Café Científico meeting Point en Lugo co tema das ‘Enfermidades animais de transmisión a humanos’. Será no Café do Pousadoiro, na rúa Pascual Veiga.
Este café científico celebrarase cada primeiro venres de mes e tratará de temas científicos de actualidade. Busca abrir un novo espazo de comunicación entre o mundo da investigación científica e tecnolóxica e a sociedade, acercando a ciencia ós cidadáns para facela intelixible.
O café está aberto á asistencia de todos os interesados e buscará comunicar directamente e debater de forma aberta e próxima sobre ciencia, rompendo as distancias que crean outros foros de debate.
Os temas serán expostos de forma breve e asequible para que a conversa flúa en torno das cuestións que formulen os participantes. O debate transcorrerá entre os asistentes e o convidado así como entre os propios asistentes.
O Café Científico está organizado pola sección ibérica da sociedade científica Sigma Xi, The Scientific Research Society e será coordinado polo seu presidente, Urbano Fra, tamén profesor da USC.