Ir o contido principal

O profesor Gumersindo Feijoo Costa acaba de ser recoñecido co premio ‘Madre Tierra’ da Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe

Imaxe de arquivo de Gumersindo Feijoo
Imaxe de arquivo de Gumersindo Feijoo

O profesor Gumersindo Feijoo Costa acaba de ser recoñecido pola Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER) co premio ‘Madre Tierra’ en recoñecemento ao seu “compromiso e firme defensa da protección do medio ambiente, a reciclaxe e a saúde humana, así como a súa importante contribución á divulgacións dos valores ambientais á sociedade”. A FER entrega este recoñecemento dende hai 17 anos no transcurso do seu congreso anual para destacar aquelas “persoas ou figuras que teñan contribuído a defender a industria da reciclaxe e o medio ambiente tanto a nivel nacional como internacional”. A entrega do premio realizarase no transcurso do congreso anual que a Federación celebra entre este xoves e o venres en Baiona.

A FER inicia a súa andaina en 1982 para agrupar e defender os intereses das empresas dedicadas á reciclaxe de residuos nos ámbitos económicos, sociais e ambientais. Actualmente conta con máis de 220 socios e representa a máis de 435 empresas xestoras de residuos (materiais férricos e non férricos, aparatos eléctricos e electrónicos, pneumáticos e vehículos fóra de uso, envases ou madeira, entre outros), o que supón o 80% dos tratadores de refugallos de aparatos electrónicos e eléctricos e o 100% da industria fragmentadora de metais de España. Este sector xera 30.000 empregos directos e 105.000 indirectos en todo o Estado.

O docente da USC toma así o relevo do director xeral do Medio Ambienta da Comisión Europea, Danivel Calleja; do Gremi da Recuperació de Catalunya; o programa Julia en la Onda; ou do presidente da Asociación Española para o tratamento medioambiental dos vehículos fóra de uso, premiados dos últimos anos.

Feijoo Costa
Dende hai máis de 20 anos, unha das liñas de investigación na que traballa o profesor Gumersindo Feijoo aborda a ecoeficiencia na utilización das materias primas e enerxía dende un punto de vista holístico ao longo de todo o ciclo de vida dos produtos. No anos 90 as palabras chave na enxeñaría ambiental pivotaban sobre o concepto das 3R (Reducir, Reutilizar e Reciclar) que foi mudando paulatinamente na primeira década deste século coa introdución da filosofía da análise de ciclo de vida, onde o obxectivo era a redución do impacto global ao longo de todas as etapas do proceso produtivo baixo una perspectiva Multi-R (repensar, reducir, reparar, reutilizar, recuperar e reciclar).

Os traballos neste contexto aplicáronse os sectores con máis peso no PIB galego (forestal, agrogandeiro e pesqueiro) e o seu carácter pioneiro permitiu situar a USC nun posto relevante no panorama internacional. Así, un estudo bibliométrico sobre a investigación en Análise de Ciclo de Vida para o período 1998-2013 publicado no International Journal of Life Cycle Assessment en 2015 situaba a España en segundo lugar (7,9% de la produción mundial en artigos científicos) sendo a USC a institución líder das universidades españolas neste ámbito e a sexta posición no ranking mundial.

O profesor Gumersindo Feijoo, xunto coa profesora María Teresa Moreira, lideran as liñas de investigación tanto en Análise de Ciclo de Vida como en Economía Circular dentro do Grupo de Investigación de Biotecnoloxía Ambiental (www.usc.gal/biogroup) do Departamento de Enxeñaría Química e da Agrupación Estratéxica CRETUS (www.usc.gal/cretus).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2019.