O profesor e investigador Sebastián Villasante, nomeado editor en xefe da revista científica ‘Marine Policy’
O profesor e investigador Sebastián Villasante, pertencente ao Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela, foi seleccionado para ser o novo editor en xefe da revista científica 'Marine Policy'.
'Marine Policy' é a principal revista de estudos sobre políticas dos océanos. Os traballos publicados nela contribúen á formulación e comprensión da política mariña e son de interese para un amplo público académico, partes interesadas e funcionariado, e ofrece a persoal investigador, analistas, partes interesadas e responsables de políticas unha combinación única de análise nas principais disciplinas das ciencias sociais relevantes para a formulación da política mariña.
Os estudos representan perspectivas de campos como os asuntos mariños, a economía mariña e a xestión de recursos, a ciencia política, a ciencia mariña, a ecoloxía humana, o dereito internacional, a xeografía, a teoría normativa, a antropoloxía e disciplinas similares.