O profesor Jesús Rodríguez participa na edición dunha obra sobre o papel dos manuais didácticos e multimedia fronte ás desigualdades sociais
O profesor da Facultade de Ciencias da Educación Jesús Rodríguez participa no equipo internacional encargado da edición do libro de actas da última conferencia rexional organizada pola Asociación Internacional de Investigación sobre o Libro de Texto e Material Didáctico (IARTEM) e o Núcleo de Pesquisa em Publicações Didáticas da Universidade Federal do Paraná. O congreso desenvolveuse en Brasil dedicado ao papel dos manuais didácticos e multimedia para a superación das desigualdades sociais. A obra coordinada polo equipo no que se atopa o docente da USC recolle as achegas de profesionais de diferentes países, dun modo significativo de estados de Brasil e tamén doutros países do ámbito latinoamericano. O libro atópase dispoñible gratuitamente no web de IARTEM e inclúe textos en portugués, galego, español e inglés. Profesor do Departamento de Didáctica e Organización Escolar, Jesús Rodríguez foi nomeado o pasado setembro vicepresidente de IARTEM. Ademais é vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación e membro do grupo de investigación Stellae, así como membro do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e director da Revista Galega de Educación. IARTEM é unha das asociacións internacionais máis importantes a nivel internacional neste ámbito e a ela pertencen investigadores de máis de 50 países do mundo que realizan actividades de investigación neste ámbito. A directiva está conformada por membros de Australia, Sudáfrica, Alemaña, Noruega, República Checa, Brasil, Reino Unido, Holanda e Francia.