O profesor Joaquín Hernández tomará posesión como membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia
A Sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria acollerá este xoves 15, ás 18:00 horas, o acto de toma de posesión do profesor do Campus de Lugo Joaquín Hernández Bermúdez, como Académico Correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.
No acto estará presente en representación da USC a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro, ademais do presidente da Academia, o tamén profesor da USC José Luis Benedito Castellote, e demais membros numerarios do colectivo.
Joaquín Hernández ofrecerá no acto de toma de posesión un discurso sobre a ‘Acidose ruminal en tenreiros’.
Natural de Cartaxena, Joaquín Hernández, licenciouse coa primeira promoción da Facultade de Veterinaria de Murcia, no ano 1988, e trasladouse a Lugo ao ano seguinte, onde empezou a desenvolver a súa carreira profesional no sector privado.
No ano 1992 defende na USC a súa tese, ‘Estudo de distintos parámetros hematolóxicos e séricos en razas bovinas rústicas de Galicia’, incorporándose á docencia na Facultade luguesa no curso 1995/96, no Departamento de Patoloxía Animal. Dende 2001 é profesor titular da Universidade na área de Medicina e Cirurxía Animal.
Como investigador ten realizadas máis de 40 publicacións en revistas, máis de 160 comunicacións en congresos internacionais e dirixido tres teses doutorais. É un dous poucos veterinarios españois que pertence ao European College of Bovine anbd Health Management, ademais de formar parte doutras asociacións profesionais de ámbito nacional e autonómico.
A súa traxectoria investigadora centrouse no estudo de dismetabolías que afectan aos ruminantes, con especial preponderancia no gando vacún, aínda que sen esquecer a outras especies, como o ovino e o caprino.