Ir o contido principal

O profesor Jorge Mira gaña o Premio José María Savirón de divulgación científica 2010

Mira comparte o galardón co programa de La 2 ‘Tres14’

O profesor da USC Jorge Mira Pérez resultou gañador ex aequo do premio José María Savirón de Divulgación Científica 2010 xunto co programa televisivo ‘Tres14’ de La 2. Ao catedrático da Área de Electromagnetismo e director do Departamento de Física Aplicada da Universidade compostelá recoñéceselle o seu labor divulgativo a través de radio, prensa e televisión e do programa ConCiencia no que participaron numerosos Premios Nobel. O prestixioso premio, que leva o nome dun eminente científico que foi catedrático da Universidade de Zaragoza, concédeselle a aquelas persoas que realizaran unha meritoria labor para achegar a cultura científica e tecnolóxica á sociedade. En anteriores edicións fixéronse co premio o director da revista Muy Interesante, José Pardina; o Instituto de Astrofísica de Canarias; o editor da revista científica Anales de Química, Pascual Román; o director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, Ramón Núñez Centella; e o creador e director do portal Divulgamat, Raúl Ibáñez Torres. Nesta sexta edición, na modalidade da Comunidade Autónoma de Aragón o gañador foi Fernando Corbalán Yuste, licenciado en Matemáticas e doutor en Filosofía y Letras “polo seu longo e notable traballo divulgativo das Matemáticas a través de exposicións, libros, artigos e conferencias”, afirma o xurado que presidiu nesta ocasión a profesora Concepción Gimeno Floría. Instaurado dende 2005, o premio convócano a Sección Territorial en Aragón da Real Sociedade Española de Química, a Sección Aragonesa da Real Sociedade Española de Física, a Real Sociedade Matemática Española, os Colexios Oficiais de Químicos, de Xeólogos e de Físicos en Aragón, a Fundación Zaragoza Cidade do Coñecemento, a Real Academia de Ciencias de Zaragoza, o Consello Superior de Investigacións Científicas en Aragón e a Facultade de Ciencias da Universidade de Zaragoza. Non é este o único galardón conseguido polo profesor Mira neste curso académico. Xa en outubro concedéranlle a medalla de honra de Ciencia en Acción e un mes máis tarde o premio anual do Colexio Oficial de Físicos de España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2011.