O profesor José Luis Mascareñas acaba de ser recoñecido cunha bolsa Advanced Grants
O European Research Council (ERC) acaba de concederlle ao catedrático de Química Orgánica da USC José Luis Mascareñas Cid a bolsa Advanced Grants dentro do programa IDEAS da Comisión Europea. Estas bolsas permiten aos directores de investigación “ recoñecidos como excepcionais de calquera nacionalidade e idade realizar proxectos pioneiros de alto risco que abran novos camiños nos seus respectivos campos de investigación ou noutros dominios” . Este é un programa europeo dirixido a investigadores xa consolidados como directores de investigación independentes que desenvolvan o seu labor na Unión Europea.
O proxecto que liderará o profesor José Luis Mascareñas, financiado con 2.356.277 euros para un período de cinco anos, traballará na aplicación dos métodos de síntese química con catalizadores metálicos, utilizados normalmente no laboratorio e na industria, para levar a cabo reaccións directamente no interior das células vivas. O éxito no seu desenvolvemento, entre outros beneficios, abriría unha importante vía na especificidade de formulacións químicas de interese farmacolóxico. O Centro Europeo de Investigación (ERC), concedéndolle esta ‘Advanced Grant’ ao profesor Mascareñas, recoñece o liderado internacional da Universidade de Santiago de Compostela no eido da investigación básica, despois de ter acadado nos últimos anos catro 'Starting Grant’ (Francisco Rivadulla, Carlos Salgado, Miguel López e Rubén Nogueiras), nos campos da química, da física e da medicina. O profesor José Luis Mascareñas, do Departamento de Química Orgánica da USC, está adscrito ao Centro Singular de Investigación en Química Biológica e Materiais Moleculares (CIQUS), do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida. O programa IDEAS O programa IDEAS é unha iniciativa posta en marcha dentro do VII Programa Marco de I+D da Comisión Europea, a través do Consello Europeo de Investigación, que impulsa a innovación e a competitividade en Europa financiando a investigación de excelencia mais competitiva en campos moi novedosos e emerxentes. Para ilo, IDEAS selecciona e apoia aos mellores científicos senior (Advanced Grant) ou novos (Starting Grant) para o desenvolvemento de proxectos de investigación arriscados e cun elevado potencial de impacto dos seus resultados.
É, polo tanto, un programa altamente competitivo, no que participan os mais prestixiosos científicos europeos: das máis de 2.000 propostas de media que se presentan anualmente, só arredor do 13% obteñen financiamento por parte da Comisión Europea. En concreto, na convocatoria 2012, e dentro da área de Ciencias Físicas e Enxeñería, á que pertence a proposta do profesor Mascareñas, concedéronse 144 proxectos, dos cales só 8 eran españois.