Ir o contido principal

O profesor José Luis Mascareñas asume a dirección científica do CIQUS

José Luis Mascareñas
José Luis Mascareñas

O catedrático de Química Orgánica José Luis Mascareñas Cid asume a dirección científica do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) logo do seu nomeamento polo reitor da USC a proposta da Comisión Reitora do centro. A designación do profesor Mascareñas conta co informe favorable da Comisión Científica Externa do CIQUS, de acordo co regulamento de réxime interno aprobado polo Consello de Goberno do pasado mes de febreiro. A profesora Dolores Pérez Meirás, que dende o ano 2010 desempeñaba o cargo de directora comisaria do CIQUS, pasa a ocupar o cargo de directora adxunta do centro. O profesor Mascareñas doutorouse en 1988 cos profesores Antonio Mouriño e Luis Castedo na propia Universidade compostelá, tras o que inicia unha etapa posdoutoral na Universidade de Stanford baixo a supervisión do profesor Paul Wender. Profesor titular da USC en 1993 e catedrático en 2004, foi científico visitante nas universidades de Harvard e Cambridge, así como no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). Actualmente lidera un grupo de investigación adscrito ao CIQUS. Ao longo da súa carreira docente e investigadora dirixiu 19 teses doutorais, entre os que se atopan cinco investigadores que conseguiron un contrato Ramón y Cajal. En 2013 o Consello Europeo de Investigación concedeulle un axuda ERC Advanced Grant para o seu proxecto METBIOCAT.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2014.