Ir o contido principal

O profesor José Manuel Martínez Ageitos, escollido decano da Facultade de Ciencias

José Manuel Martínez Ageitos, na Facultade de Ciencias de Lugo
José Manuel Martínez Ageitos, na Facultade de Ciencias de Lugo
Olga Díaz Rubio, como vicedecana, e Antonio Rumbo, en calidade de secretario, completan o equipo liderado por Martínez Ageitos

O profesor do Departamento de Enxeñaría Química da USC José Manuel Martínez Ageitos resultou escollido por segunda vez decano da Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, logo dun proceso de votación que deparou 53 sufraxios a favor, seis en branco e un nulo.

A profesora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC na Facultade de Ciencias, Olga Díaz Rubio, en calidade de vicedecana da facultade, e o tamén profesor do Departamento de Química Orgánica da USC, Antonio Rumbo, como secretario do centro, completan o equipo liderado por Martínez Ageitos, que foi o único candidato que concorreu ás eleccións ao Decanato da Facultade de Ciencias do campus de Lugo. A candidatura encabezada por Martínez Ageitos é de continuidade respecto dos último catro anos, como proba o feito de que non houbo ningún cambio no equipo, subliñou Martínez Ageitos, quen subliñou como maior logro do centro a activa participación de todo o profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado. O afianzamento e potenciación da actual oferta de títulos de grao e posgrao, así como a demanda da implantación do Máster en Enxeñaría Industrial no marco de negociación deseñado pola Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia constitúen dúas das prioriades fixadas por Martínez Ageitos para o seu segundo mandato como decano. A mellora de equipamentos docentes e de servizos, o desenvolvemento de actividades complementarias de docencia e inserción laboral, a promoción do centro universitario lugués a través de programas de intercambio e convenios con entidades e empresas, e o respaldo a iniciativas e actividades do alumnado son outras das propostas recollidas no plan de goberno de Martínez Ageitos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2014.