Ir o contido principal

O profesor José L. Mascareñas recibirá este xoves a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago

O profesor José Luís Mascareñas Cid recibirá este xoves 31 a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, recoñecemento que concede o reitor a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución universitaria, ben por razón da duración ou continuidade destes ou pola súa especial relevancia ou significación. O acto de imposición celebrarase a partir das 14.00 horas presidido polo reitor Juan Casares no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Catedrático de Química Orgánica, é autor de máis de 130 publicacións cun factor de impacto medio de máis de 6, de entre as obtidas dende o ano 2000. Entre estas, inclúense unha ducia de artigos en Angewandte e outros catorce no Journal of the American Chemical Society, consideradas as revistas de referencia da Química Industrial. Tamén foi Premio Nacional de Química Orgánica da Real Sociedade Española de Química en 2009 e é investigador principal en preto de vinte proxectos competitivos. Realizou estadías posdoutorais en Stanford e Harvard, ademais de ter impartido docencia en Cambridge e o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts en calidade de profesor convidado. A isto hai que sumar as máis de 70 conferencias convidadas que impartiu en Rochester, Boston College, Forth Collins, Shangai, Osaka, Bergen, Paris, Xenebra ou Río de Xaneiro, entre moitos outros destinos. O profesor Mascareñas é presidente fundador do grupo de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química, membro de tres comités editoriais e doutras tantas sociedades científicas, así como presidente de cinco congresos internacionais. Ata o momento dirixiu un total de 19 teses de doutoramento, entre os que se atopan numerosos contratados da convocatoria Ramón y Cajal, premios Lilly á mellor tese e varias bolsas acadadas en procesos competitivos, incluíndo sete da convocatoria Marie Curie.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2013.