O profesor José L. Mascareñas recibiu a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago
O profesor José Luís Mascareñas Cid recibiu este xoves 31 a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, recoñecemento que concede o reitor a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución universitaria, ben por razón da duración ou continuidade destes ou pola súa especial relevancia ou significación. O acto de imposición presidiuno no Salón de Graos do Colexio de San Xerome o reitor Juan Casares, que entre outros méritos quixo recoñecerlle que sexa o primeiro investigador que recibe unha axuda Advanced Grant na USC. Diante dun nutrido grupo de colegas, amizades e familiares, o profesor Mascareñas debuxou no seu discurso o que para el debían ser as Universidades, e en concreto a súa, a de Santiago, institucións “coa obriga de liderar o progreso do país”; de aí, recalcou, o seu “fundamental labor de creador e xerador de coñecemento”. “O éxito das Universidades máis importantes do mundo é a produción de persoas capaces de liderar e innovar, é aí onde hai que poñer o acento”, dixo, para rematar cun soño, o de ver cómo a Universidade de Santiago aparece algún día entre as mellores, “o que significaría que estariamos contribuíndo ao benestar do noso contorno”. José Luis Mascareñas Catedrático de Química Orgánica, é autor de máis de 130 publicacións cun factor de impacto medio de máis de 6, de entre as obtidas dende o ano 2000. Entre estas, inclúense unha ducia de artigos en Angewandte e outros catorce no Journal of the American Chemical Society, consideradas as revistas de referencia da Química Industrial. Tamén foi Premio Nacional de Química Orgánica da Real Sociedade Española de Química en 2009 e é investigador principal en preto de vinte proxectos competitivos. Realizou estadías posdoutorais en Stanford e Harvard durante un período global de case tres anos, ademais de ter impartido docencia en Cambridge e o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts en calidade de profesor convidado. A isto hai que sumar as máis de 70 conferencias convidadas que impartiu en Rochester, Boston College, Forth Collins, Shangai, Osaka, Bergen, Paris, Xenebra ou Río de Xaneiro, entre moitos outros destinos. O profesor Mascareñas é presidente fundador do grupo de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química, membro de tres comités editoriais e doutras tantas sociedades científicas, así como presidente de cinco congresos internacionais. Ata o momento dirixiu un total de 19 teses de doutoramento, entre os que se atopan numerosos contratados da convocatoria Ramón y Cajal, premios Lilly á mellor tese e varias bolsas acadadas en procesos competitivos, incluíndo sete da convocatoria Marie Curie. Esta considerado como un pioneiro na introdución en España de investigacións fronteira entre a Química, a Bioloxía e a Medicina, campo que se deu en denominar Química Biolóxica. Advances Grants Este mesmo ano, o European Research Council (ERC) acaba de concederlle ao catedrático de Química Orgánica da USC a bolsa Advanced Grants dentro do programa IDEAS da Comisión Europea. Estas bolsas permiten aos directores de investigación “recoñecidos como excepcionais de calquera nacionalidade e idade realizar proxectos pioneiros de alto risco que abran novos camiños nos seus respectivos campos de investigación ou noutros dominios”. Este é un programa europeo dirixido a investigadores xa consolidados como directores de investigación independentes que desenvolvan o seu labor na Unión Europea. O proxecto de José Luis Mascareñas, financiado con 2.356.277 euros para un período de cinco anos, traballará na aplicación dos métodos de síntese química con catalizadores metálicos, utilizados normalmente no laboratorio e na industria, para levar a cabo reaccións directamente no interior das células vivas. O éxito no seu desenvolvemento, entre outros beneficios, abriría unha importante vía na especificidade de formulacións químicas de interese farmacolóxico.