O profesor José Miguel Sagüillo Fernández-Vega tomou posesión como decano de Filosofía
O catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia José Miguel Sagüillo Fernández-Vega tomou posesión este martes 31 do seu cargo como decano da Facultade de Filosofía nun acto protocolario presidido polo reitor Juan Viaño en San Xerome. O decano reivindicou da Universidade un “respaldo esixente para a Facultade de Filosofía”, centro que asume “facer máis e mellor con menos medios dos que tivemos hai poucos anos”. Os membros deste centro “responderemos ao que nos demanda a sociedade a pouco que contemos co suficiente respaldo, como cremos que se está intentando asegurar dende a USC”.
No arranque do seu discurso, o profesor Sagüillo aludiu á perda de recursos humanos dos últimos anos e apelou á necesaria “renovación xeracional adiantada, e non tardía, do PDI que permita a interacción de varias xeracións no tempo”. Todo o que non sexa interacción xeracional “ carrexa unha perda na transmisión de experiencias, enerxías e coñecemento, elementos todos que están na base da xestación de tradicións de pensamento”, dixo. Esta reivindicación relacionouna o decano coa capacidade de cubrir “con solvencia os desafíos da docencia e investigación do único grao e do único máster en Filosofía da comunidade galega, mantendo unha liña de prestixio e excelencia no ideario do noso centro e na formación dos nosos e das nosas estudantes e investigadores”.
Entre os seus retos futuros, Sagüillo Fernández-Vega apuntou a renovación da acreditación do grao este mesmo curso, ou a contribución do centro ao desenvolvemento do proxecto do Campus da Cidadanía. Respecto deste último, “queremos fomentar en ese gran proxecto colectivo as bases formativas para construír unha sociedade máis xusta e máis igualitaria, asentada sobre valores como o respecto á diversidade, a igualdade de xénero, a cultura de paz e a sustentabilidade”.
Mención especial tivo tamén no discurso de Sagüillo Fernández-Vega a propia natureza da Filosofía. “Non menos importante para a consideración da propia Filosofía é o seu papel formativo na xuventude da nosa sociedade”, engadiu. Neste senso dixo seguir con especial atención a reivindicación en apoio a unha maior presenza das materias de Filosofía no Bacharelato, “cara o necesario novo pacto educativo, derivado da actual incerteza relativa á controvertida LOMCE”.
Na intervención o decano puxo de manifesto a súa reflexión arredor do papel da Filosofía, “ suplementar de modo ponderado a interpretación dos fenómenos problemáticos da nosa contorna física e da nosa contorna social”. En definitiva, “trátase de proporcionar axuda intelectual na medida das nosas posibilidades e acompañamento na medida das disposición dos demais”. Este enfoque sitúa os estudos de Filosofía ao servizo da formación de persoas e competencias “que reverten profesionalmente en facer ben ese tipo de tarefas en moi diferentes ámbitos de traballo, tales como empresas, institucións públicas, fundacións, ONG e, como non, no ensino secundario e superior e na investigación universitaria”, aclarou.
Logo dun período de “xestión moi complicado superado de xeito sobresaliente”, Viaño iniciou o seu discurso agradecendo o labor do anterior decano electo Rafael Martínez así como o traballo desenvolvido por Óscar Horta ata a elección final do profesor Sagüillo como decano. Nun contexto no que se ten posto en dúbida a viabilidade dos estudos de Filosofía, a facultade compostelá “decidiu posicionarse con contundencia nun proceso de transformación certamente interesante que nos permite falar xa de incremento de estudantes e de ideas moi atractivas en canto á súa oferta docente”, dixo Juan Viaño.
“Os estudos de filosofía son imprescindibles para unha sociedade como a galega” asegurou Viaño, quen considera que este centro “precisa do maior compromiso posible por parte de todos: dos órganos centrais da USC, do resto de institucións, dos centros educativos de ensino non universitario, das empresas e de todas as persoas que crean no ser humano”.
Completando o novo equipo decanal, xunto ao profesor Sagüillo, exercerá como vicedecana e responsable de calidade a profesora Nieves Herrero, mentres que da secretaría se encargará a tamén docente Concha Martínez.
José Miguel Sagüillo Fernández-Vega
O profesor Sagüillo é catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia e membro do grupo de investigación Episteme. Foi bolseiro Fullbright en Estados Unidos e profesor visitante nas universidades de Oxford, en Suny-Buffalo e en Berkeley. Ademais é autor de diversos traballos no ámbito da lóxica matemática, da metodoloxía dedutiva, da filosofía da lóxica e da matemática e da teoría da argumentación.
Entre os seus libros recentes destacan El Pensamiento Lógico-Matemático, El movimiento antimetafísico del siglo XX (en co autoría con Rom Harré), e El arte de persuadir. Algunos elementos de argumentación y retórica. Tamén escribiu artigos sobre fundamentación e consecuencia lóxica en diversas revistas especializadas. No ámbito docente impartiu materias de Lóxica, Filosofía da Lóxica e Lóxicas no-clásicas. Na actualidade é docente de Argumentación e Retórica no grao e de Teorías e procesamento da Información no Máster en Filosofía: coñecemento e cidadanía da USC.