Ir o contido principal

O profesor José Ramón Fernández García galardoado co premio J.L. Lions 2010 que anualmente concede a asociación europea ECCOMAS

O profesor do Departamento de Matemática Aplicada da USC José Ramón Fernández García (As Neves, Pontevedra, 1974) acaba de ser galardoado co premio J.L. Lions 2010 que anualmente concede a European Community on Computational Methods in Applied Sciences and Engineering (ECCOMAS). O premio, que leva o nome do prestixioso matemático francés J.L. Lions, doutor honoris causa pola USC e desaparecido hai poucos anos, trata de promover a excelencia no traballo orixinal, en calquera rama das matemáticas que teña unha compoñente computacional, realizado por matemáticos europeos de menos de 40 anos.
O diploma acreditativo seralle entregado durante o congreso ECCOMAS Computational Fluid Dynamics Conference que se celebrará en Lisboa entre os días 14 e 17 do vindeiro mes de xuño, no que o premiado pronunciará ademais unha conferencia invitada.
Licenciado en Matemáticas (especialidade Matemática Aplicada) pola USC en 1997, José Ramón Fernández, doutorouse na mesma universidade en 2002 coa tese titulada Análisis numérico de algunos problemas de contacto en viscoplasticidad dirixida polo catedrático e actual vicerreitor de Profesorado Juan M. Viaño Rey, en cuxo grupo de investigación está integrado dende entón. Dende 2007 é profesor titular no Departamento de Matemática Aplicada con destino no Campus de Lugo. Realizou estadías de investigación nas Universidades de Iowa, Oakland University de Michigan, Savoie, Perpignan e Besançon.
A súa investigación céntrase no modelado, análise matemática, análise numérica e simulación en ordenador de problemas estacionarios de contacto para materiais elásticos, elasto-viscoplásticos e viscoelásticos, incluíndo nalgúns casos efectos piezo-eléctricos (elasto-piezoelectricidade), así como problemas evolutivos en materiais viscoelásticos. Abordou ademais un bo número de problemas relativos ao dano de materiais e estudou a biomecánica de procesos en ortodoncia e remodelación de ósos, colaborando con investigadores doutras áreas científicas.
Este matemático da USC ten publicado mais de 60 artigos en revistas de prestixio, recollidas no Journal of Citation Reports, e participado en mais de 50 congresos de ámbito mundial. No conxunto das súas publicacións colaborou con 22 autores distintos, españois e estranxeiros. Este novo galardón vense sumar ao de Jóvenes Investigadores de la Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA) que tamén lle fora concedido en 2007.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2010.