O profesor Juan Lema preside a Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Química
O director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, Juan M. Lema Rodicio, resultou elixido presidente da Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Química (CODDIQ) que se constituíu este luns en Madrid coa participación de representantes de 25 Universidades nas que se imparte actualmente o título de Enxeñeiro Químico.
A CODDIQ é unha organización que ten como finalidade a promoción, en todos os ámbitos, dos estudios de Enxeñaría Química. Na Comisión Permanente Juan Lema estará acompañado polos directores das Escolas de Cantabria, Granada, Politécnica de Valencia, Rey Juan Carlos, Valladolid e Zaragoza e pola presidenta do Colexio de Enxeñeiros Químicos da Comunidade Valenciana.