Ir o contido principal

O profesor Juan Lema, reelixido director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago

O profesor Juan M. Lema Rodicio acaba de ser reelixido director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) nunha xunta de escola na que obtivo 32 a favor, por tres en branco e un en contra. O novo equipo de dirección deste centro compostelán completarano as profesoras María José Carreira Mouche e Maite Moreira Vilar, como subdirectora e secretaria respectivamente, e os coordinadores das titulacións que se imparten no centro, Juan M. Garrido (Enxeñaría Química), Antonio Mosquera (Enxeñaría Informática) e Gumersindo Feijoo (Enxeñaría Ambiental).
Segundo o plan de traballo establecido para os vindeiros catro anos, o equipo prestará especial atención á implantación dun sistema de xestión de calidade como elemento motor do proceso de mellora continua para o que se creará unha base de datos do centro, adoptaranse indicadores de calidade e formularanse obxectivos anuais para todos os servizos. Neste contexto proporase a acreditación das titulacións da Escola por parte de organismos internacionais.
Outra das metas desta dirección será a implantación dos Graos e Posgraos, fomentando os novos sistemas formativos, por transformación dos títulos actuais e formulando, a curto e medio prazo, un catálogo de novas titulacións. Ademais, impulsarase a docencia de materias en inglés, que comezarán xa, de xeito experimental, o vindeiro curso 2008-2009.
O incremento das relacións coa sociedade, a través dunha rede estable de entidades colaboradoras, é outro dos retos que o profesor Lema se formula para o período que agora comeza. Para conseguilo, propón a creación dun ‘Club de Titulados’ que permita manter unha relación fluída cos ex alumnos xa graduados, ao tempo que se procurará o establecemento de dobres titulacións con universidades de prestixio e de programas de prácticas en empresas de países europeos.
Nesta liña de cooperación co contexto social, a ETSE buscará o incremento de actividades formativas de carácter académico e profesional mediante a ‘Aula Profesional’, que dará acubillo a cursos e obradoiros de carácter profesional impartidos por docentes da escola e persoal de empresas e colexios profesionais.
Finalmente, no relativo ao apartado de infraestruturas, a dirección da escola impulsará o proxecto de ampliación do edificio dedicado a docencia co obxecto de atender as novas necesidades derivadas da aplicación do Espazo Europeo de Educación Superior.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2008.