Ir o contido principal

O profesor Juan Monterroso reivindica a utilidade da Historia, a Xeografía e a Historia da Arte para a sociedade

O reitor xunto co equipo decanal que forman Juan Monterroso, María del Pilar Rodríguez Álvarez e Jesús Balboa López (Foto: Alfonso SERVIMAV)
O reitor xunto co equipo decanal que forman Juan Monterroso, María del Pilar Rodríguez Álvarez e Jesús Balboa López (Foto: Alfonso SERVIMAV)
Tomou posesión do seu cargo como decano da Facultade logo da súa reelección o pasado novembro

O profesor Juan Monterroso iniciou este mércores 30 o seu segundo mandato á fronte da Facultade de Xeografía e Historia, logo da súa toma de posesión como decano nun acto protocolario que presidiu o reitor Juan Casares en San Xerome. Monterroso foi reelixido nunha xunta de centro celebrada o pasado mes de novembro e na que se contabilizaron 55 votos a favor, 10 en branco e 1 nulo. Historia, Xeografía e Historia da Arte son disciplinas “necesarias e útiles para a nosa sociedade, tanto como a transferencia ao sector produtivo que non será viable sen unha transferencia ao sector do coñecemento”, reivindicou Monterroso no seu discurso. Avogou ademais por traballar e construír arredor do centro “un proxecto viable dende hoxe mesmo, aínda que o resultado final non sexa visible en catro, oito ou doce anos”, lembrando que “ cada día que pasa é tempo perdido e oportunidades desperdiciadas”. A este respecto, o docente considera necesaria a perspectiva do tempo, “o coñecemento dos acontecementos pasados que, en moitos ocasións, nos explican e anuncian os que están por vir, a comprensión do espazo e os axentes que neles interveñen ou das manifestacións culturais á que dan lugar”.

O decano tamén quixo agradecer ao conxunto do persoal docente e investigador e de administración e servizos a súa implicación na transición das titulacións dende os planos de 1993/2000 ao modelo de ensino emanado do Plan de Bolonia. “Se neste curso 2012-2013 chegamos ao punto de poder afirmar que a transición entre os dous modelos de ensino se efectuou correctamente é grazas a todos eles”, afirmou o decano, sen esquecer ao estudantado, colectivo “que sufriu os cambios, axustes de última hora e todas as consecuencias de proceder simultaneamente á extinción e implantación de dous plans de estudo”.

O reto de cara o futuro definido por Juan Monterroso “non só é manter o xa realizado, é melloralo, definilo a través da experiencia adquirida, conseguir facer visible a necesidade da formación que no centro se imparte”. Asumindo que “son moitos os retos que quedan por diante”, o decano asume que é o momento de “responder á pregunta sobre qué podemos facer pola Universidade”. “ Esta ocasión –proseguiu– non é a de pedir ou esixir” senón que “é o momento de ofrecer”, algo que concretou no “compromiso responsable e recíproco coa Universidade e con todas e cada unha das persoas que a acompañan”. Juan Monterroso Juan Monterroso é profesor do Departamento de Historia da Arte e integrante do grupo GI 1907 Iacoubus. O seu labor docente e investigador permitiulle dedicarse a cuestións vinculadas especificamente coa arte galega durante a Idade Moderna e co patrimonio cultural. Neste apartados profundou nos principios básicos sobre a conservación do patrimonio, a actividade pictórica en conxuntos monásticos e catedralicios, a iconografía mariana, o Camiño de Santiago e a catedral compostelá, a literatura emblemática e a súa repercusión na cultura moderna, sobre a teoría, protección e xestión do patrimonio cultural e a historia da moda e o deseño industrial. Ademais, impartiu cursos e conferencias en diversas universidades e centros de investigación de España, Portugal, México, Arxentina, Brasil, Francia, Italia e Polonia, ademais de ter participado como profesor convidado en cursos de posgrao e máster. Tamén foi responsable de diversas exposicións arredor da cidade de Santiago como tema central, a arte galega ou o Camiño de Santiago (‘Gallaecia Fvlget’, ‘Galicia Renace’ ou ‘Todos con Santiago’). O reitor Juan Casares felicita ao decano (Foto: Alfonso SERVIMAV) O novo equipo estivo arropado por un nutrido grupo de compañeiras e compañeiros da Universidade (Foto: Alfonso SERVIMAV)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2013.