Ir o contido principal

O profesor Lois Ferradás tomou posesión como decano de Ciencias da Educación

Juan Casares e Lois Ferradas saúdanse no acto protocolario celebrado en San Xerome
Juan Casares e Lois Ferradas saúdanse no acto protocolario celebrado en San Xerome

O profesor Lois Ferradás tomou posesión este martes 8 do seu cargo como decano da Facultade de Ciencias da Educación nun acto protocolario presidido polo reitor Juan Casares no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Reelixido decano o pasado mes de novembro, Lois Ferradás encabeza un equipo decanal que integran ademais Elena Fernández Rey, Anxo Porto Ucha, Xesús Rodríguez e Xulio Rodríguez, como vicedecanos, e Rita Gradaílle, á fronte da secretaría do centro. Coa súa intervención Lois Ferradas quixo subliñar a expresión do compromiso da Facultade de Ciencias da Educación, conscientes de que “nada da USC nos é alleo” e destacando que participamos “ dun proxecto de universidade máis alá dos límites físicos do centro”. Lembrou o decano que a Facultade acubilla 2.300 alumnos, preto de 150 docentes, cinco departamentos adscritos e máis de vinte áreas representadas. Unha realidade complexa que require dunha profesionalización da xestión. Ferradas lembrou tamén as necesidades infraestruturais dunha facultade que nos últimos anos ten desenvolvido un “proceso de integración exemplar” para unificar a Escola Universitaria de Maxisterio e a Sección de Ciencias da Educación da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación. Neste senso o decano subliñou a existencia dun proxecto básico para un futuro edificio se ben “ o tempo de escaseza” limita aspiracións que deberían atender a situación derivada dunhas “ necesidades apremiantes”. Na súa resposta, o reitor Juan Casares mostrou o compromiso da USC co apoio decidido á Facultade de Ciencias da Educación, centro que está chamado a liderar o proceso de cambio no relativo ao proceso de ensino-aprendizaxe na educación. A Facultade “precisa de toda a universidade para mirar cara ao futuro” engadiu Juan Casares, quen ademais sinalou que as reformas a acometer ao longo deste ano queren “recoñecer na práctica a excelencia que a Facultade achega á Universidade e a toda Galicia, como algo quen os distingue”. Lois Ferradás Blanco

Lois Ferradás Blanco é profesor na área de Didáctica e Organización Escolar centrando a súa docencia de xeito especial na formación de mestres de Educación Infantil. Polo que respecta á súa produción científica e investigación oriéntase á calidade da educación infantil, á participación das familias e á documentación e avaliación.

O equipo decanal xunto ao reitor ao remate da toma de posesión

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2011.