Ir o contido principal

O profesor Luis Castedo explica no CiQUS as raíces e o impacto industrial da química orgánica en Galicia

Luis Castedo, profesor e investigador ad honorem da USC, ofrecerá este venres 24 no CiQUS da USC unha conferencia divulgativa sobre as raíces e o impacto industrial da química orgánica en Galicia. O relatorio terá lugar ás 12.15 na aula de seminarios do centro. Na conferencia comezará explicando o marco legal no ámbito universitario que existiu en España durante a segunda metade do século XIX e o primeiro cuarto do XX que permitiu o florecemento da Química en España e en particular, da Química Orgánica. Castedo referirase tamén aos grandes pioneiros desta ciencia en España e da segunda xeración de grandes químicos orgánicos españois que foron capaces de crear escola. Deseguido falará da Química Orgánica en Galicia e o seu impacto na industria, que contribuíu á creación do Instituto de Bioquímica Miguel Servet e de Zeltia. O conferenciante O químico Luis Castedo (Céltigos-Ortigueira, 1938) doutorouse na USC baixo a dirección do profesor Ignacio Ribas. A súa etapa investigadora comezouna no Departamento de Química da Universidade de Cambridge que dirixía o Premio Nobel de Química Lord Todd cun proxecto de investigación enmarcado na síntese total de alcaloides indólicos. Logo de tres anos como agregado de Química Orgánica Biolóxica na Universidade de Bilbao, en 1975 regresa á USC para cubrir a cátedra vacante de Química Orgánica e Bioquímica da Facultade de Química. O profesor da USC foi, ademais de decano da Facultade de Química da USC, director xeral de Universidades e Política Científica da Xunta de Galicia. Co dirixiu 79 teses doutorais e publicou cerca de 500 traballos científicos, a maioría en revistas de máximo prestixio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2015.