Ir o contido principal

O profesor Luis Miguel Varela Cabo, reelixido decano da Facultade de Física

Miguel Varela Cabo acaba de ser reelixido decano de Física
Miguel Varela Cabo acaba de ser reelixido decano de Física

O profesor Luis Miguel Varela Cabo obtivo o respaldo da Xunta de centro da Facultade de Física para continuar durante outros catro anos máis como decano. Na votación realizada obtivo 62 votos a favor e outros 13 en branco. A consecución do Centro Singular de Investigación en Física aprobado na Xunta de Facultade e a consolidación da oferta docente deste centro, en especial no relativo ao novos Máster en Física, son dous dos obxectivos que o decano incorpora na súa axenda de traballo para os vindeiros anos. Ademais, a súa xestión orientarase a potenciar a proxección externa do centro así como a súa conexión co mundo empresarial, ao tempo que continuar as reformas emprendidas en materia de infraestruturas ou na actualización do regulamento interno e manter o clima de consenso acadado nos últimos catro anos. Luis Miguel Varela Cabo (Lugo, 1972), doutor en Física pola USC con Premio Extraordinario de Doutoramento, dende 2003 é profesor titular do Departamento de Física da Materia Condensada. O groso da súa tarefa docente desenvolveuse na mecánica estatística e no tratamento estatístico de datos físicos, así como en materias de novo cuño como a Econofísica. Tamén colabora na docencia de diferentes másteres como o de Enerxías Renovables, Ciencia e Tecnoloxía de Materiais, Filosofía: cuestións actuais e, no recentemente creado, máster en Física.

A súa actividade investigadora tense centrado na mecánica estatística de sistema complexos (fluídos cargados complexos, redes complexas, modelización de sistemas económicos, de propagación de epidemias,...) eidos nos que é autor de máis de 70 publicacións e monografías e nos que ten dirixido diversas teses de licenciatura, traballos fin de máster e teses de doutoramento, ademais de ter liderado redes e proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos e diferentes convenios con administracións públicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2014.