O profesor Luis Miguel Varela Cabo tomou posesión como decano da Facultade de Física
O profesor Luis Miguel Varela Cabo (Lugo, 1972) púxose este martes 16 oficialmente á fronte da Facultade Física no acto protocolario de toma de posesión como decano deste centro compostelán. Na sesión, presidida polo reitor Juan Casares, Varela Cabo fixo un chamamento para que “a Universidade que se transforma na docencia e na investigación, que se proxecta cara ao futuro” teña sempre presente as “bases do seu código xenético”, en alusión ás Facultades e Departamentos. Para o oitavo decano deste centro compostelán “é urxente” potenciar a ambas unidades organizativas “particularmente nestes tempos de cambio nas que moitas son as tendencias centrífugas cara a novos modelos de centros”. O decano demandou paras as facultades e escolas unha ampliación do seu papel na “sempre complexa toma de decisións de goberno da institución”. A xestión de Varela Cabo tense marcado como obxectivo para os próximos anos “alcanzar novas cotas” para unha Facultade de Física que se atopa entre os centros da USC que máis recursos capta anualmente por actividades de I+D nos últimos cinco anos e que actualmente está a traballar no proxecto dun Centro Singular de Investigación Física que lle permitiría, en palabras do propio decano, “liderar a investigación en Física en España, algo do que xa estamos moi preto en diversas áreas”. O profesor do Departamento de Física da Materia Condensada Luis Miguel Varela Cabo resultou elixido novo decano de Física nunha votación celebrada o pasado mes de maio. O equipo decanal estará composto ademais por José Manuel Sánchez de Santos como vicedecano e Elena López Lago como secretaria. Varela Cabo Licenciado pola USC en 1995, en 2000 obtivo o doutoramento en Física, con premio extraordinario, e a Licenciatura en Dereito pola UNED. Completou estudos na Universidade de Manchester e actualmente desenvolve o seu labor investigador no campo da termodinámica e a mecánica estatística de sistemas complexos en colaboración con equipos de investigación de universidades como Oxford, Pierre et Marie Curie ou a Federico II de Nápoles. Entre as súas publicacións inclúense diversos libros e capítulos de libro así como máis de medio centenar de publicacións en revistas nacionais e internacionais, entre as que se atopan algunhas de alto índice de impacto como un número da prestixiosa Physics Reports, Journal of Chemical Physics, Journal of Physical Chemistry B, Langmuir ou Physical Review B. Ademais é autorde máis dunha trintena de comunicacións a congresos nacionais e internacionais. Ten sido investigador principal ou participado en case unha decena de proxectos de investigación financiados en convocatorias competitivas, e foi investigador principal en diferentes convenios con Administracións Públicas.