Ir o contido principal

O profesor de Matemáticas Óscar Rivero Salgado recibiu un dos premios Vicent Caselles de Investigación Matemática 2023

Óscar Rivero Salgado recollendo o premio
Óscar Rivero Salgado recollendo o premio
O galardón recoñece a súa investigación nos denominados número p-ádicos, sistemas de numeración que xogan un papel fundamental na teoría de números
Santiago de Compostela

Óscar Rivero Salgado, docente do Departamento de Matemática, acaba de ser recoñecido cun dos premios de Investigación Matemática Vicent Caselles 2023, unha convocatoria anual da Real Sociedade Matemática Española e a Fundación BBVA co obxectivo de apoiar e estimular a profesionais novos que desenvolven o seu labor no campo da investigación matemática. Rivero Salgado (Xinzo de Limia, 1994) resultou premiado pola súa investigación nos denominados número p-ádicos, sistemas de numeración que xogan un papel fundamental na teoría de números, xa que constitúen un escenario esencial no que tratar preguntas sobre os números racionais formulados hai milenios.

O traballo de Rivero Salgado en teoría de números e en concreto na aplicación dos sistemas de Euler á teoría de Iwasawa e os grupos de Selmer é unha liña prometedora para poder entender mellor como progresar na resolución da Conxectura de Birch e Swinnerton-Dyer, un dos sete Problemas do Milenio elixidos polo Clay Mathematics Instituty e dotado cun millón de dólares para quen consiga resolvelo. De feito, o investigador xa ten contribuído con avances cara a resolución deste problema publicados nalgunhas das revistas internacionais máis destacadas.

“Aínda que se ten desenvolvido dende un punto de vista totalmente teóricos, sempre se pensou que a investigación en teoría de números pode ter moita utilidade en áreas da matemática aplicada como a criptografía ou as telecomunicacións”, explica Rivero. O investigador recibiu o premio no transcurso dun acto celebrado na sede da Fundación BBVA en Madrid ao que acudiu acompañado pola decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón.
 
A relación de Óscar Rivero coa Facultade de Matemáticas remóntase ao ano 2009, cando como alumno de 3º da ESO participa na Fase Galega da Olimpíada Matemática Española e consegue unha praza no equipo olímpico que representaría a Galicia na Fase Nacional. Óscar resultou gañador da Fase Galega da olimpíada nas edicións 2010, 2011 e 2012, anos no que tamén conseguiu praza no equipo olímpico que representou a España na International Mathematical Olympiad e na Olimpíada Iberoamericana de Matemáticas, competicións nas que conseguiu unha mención de honra, unha medalla de bronce, dúas de prata e unha de ouro. Graduouse en Matemáticas e en Enxeñería Física na Universitat Politècnica de Catalunya, onde tamén obtivo o doutoramento, e posteriormente foi investigador posdoutoral na universidade de Warwick (Reino Unido) e no Simons Laufer Mathematical Sciences Institute de Berkeley (California, Estados Unidos).
 
Esta é a terceira vez que un Premio Vicent Caselles viaxa a Galicia, concretamente á provincia de Ourense, pois Óscar Domínguez Bonilla e Xabier García Martínez, os dous graduados en Matemáticas pola USC, resultaron premiados en 2017 e 2019, respectivamente.

 

Óscar Rivero Salgado recollendo o premio
Óscar Rivero Salgado recollendo o premio
O premiado xunto á decana Elena Vázquez Cendón
O premiado xunto á decana Elena Vázquez Cendón
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2023.