O profesor Miguel Túñez tomou posesión como decano da Facultade de Ciencias da Comunicación
O profesor Miguel Túñez tomou posesión este venres 18 como decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, cargo no que repite, nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro. Nesta sesión protocolario, celebrada no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, estiveron presentes ademais de integrantes do centro os restantes membros do equipo decanal, Berta García Orosa, Fernando Redondo Neira e Marte Pérez Pereiro, como vicedecanos e secretaria, respectivamente.
O profesor Túñez subliñou que un dos seus retos centrais para os vindeiros anos será o de levar a bo fin o compromiso, expresado diante da Xunta de Facultade que o elixiu, de rematar o proceso de adaptación dos plans de estudo de Xornalismo e Comunicación Audiovisual ao novo Espazo Europeo de Educación Superior. A este respecto lembrou que ambos os dous plans atópanse en período de presentación de alegacións na exposición pública á comunidade universitaria e aos axentes sociais, próximo a rematar.
Dun xeito máis específico, o decano chamou a atención sobre a necesidade de apoiar e confiar na importancia cada vez máis crecente da comunicación en todos os ámbitos. Neste senso remarcou o papel da comunicación como soporte da identidade de Galicia nesta época de globalización e a obriga de contar con canles que dean voz ás preocupacións e a aqueles asuntos que atinxen aos cidadáns.
Precisou tamén o decano que na actualidade non chega con dispor de web ou ser noticia, porque “a estratexia oriéntase á efectividade” para así ser visibles, e engadiu que “non hai comunicación cando se din as cousas, senón que o ciclo non se pecha ata que alguén as escoita e lle fai caso”.
Pola súa banda, Senén Barro cualificou á de Ciencias da Comunicación como unhas das facultades “grandes” da USC. “As dimensión –engadiu o reitor- non se poden medir unicamente en base ao número de estudantes” senón en función “do que fai e como o fai”. Neste senso, subliñou tamén a súa capacidade investigadora e a de colaboración co seu contorno.
Respecto da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, Barro indicou que “o papel e a responsabilidade das universidades e dos máis importantes da sociedade actual” e con esta mentalidade “temos a responsabilidade de alcanzar o éxito, aínda que coñezamos as limitacións”.
Miguel TúñezJosé Miguel Túñez López (Caracas, 1962) repite no cargo de decano logo da súa primeira elección no ano 2004. Profesor de Produción da Información do Departamento de Ciencias da Comunicación, ademais é vogal do Consello Asesor de RTVE-Galicia e do de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, membro do Consello Científico do Centro de Estudos Avanzados da USC e Premio Nacional de Xornalismo Reina Sofía (1990).
Doutora en Xornalismo pola Universidade Autónoma de Barcelona, é autor ou coautor de, entre outras, as obras Comunicación preventiva (2007) e Relaciones informativas en Gestión de la comunicación de las organizaciones (2004).