Ir o contido principal

O profesor Modesto Rodríguez Neira reelixido director da Escola de Formación do Profesorado de Lugo

Rufino González e Lina Iglesias repetirán como subdirector e secretaria

O profesor Modesto Rodríguez Neira foi reelixido como director da Escola Universitaria de Formación do Profesorado do Campus de Lugo. O equipo de goberno, que tamén se repite, completarase con Rufino González como subdirector e Lina Iglesias como secretaria da Escola. A participación nas eleccións foi do 81% do censo cun total de 31 votos, dos que 26 foron a favor, 2 en contra e 3 en branco.
O profesor Rodríguez Neira, do departamento de Lingüística da USC, xa fora elixido hai catro anos como director e nesta ocasión a súa foi a única candidatura presentada. Entre os aspectos que traballará durante o seu mandato atópase a adaptación do centro ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) ou a posibilidade de que a Escola se converta en facultade. Neste senso, Modesto Rodríguez formula como obxectivos do seu programa electoral manter o equivalente das titulacións actuais no EEES e incluso conseguir algunha máis con especial atención aos programas ociciais de posgrao.
Para converter a Escola Universitaria de Formación do Profesorado en Facultade o profesor Rodríguez Neira apunta á necesidade de aumentar o número de profesores doutores que imparten clase, cifra que este curso agarda que se sitúe no 60%. En canto ao alumnado, Modesto Rodríguez pretende potenciar o intercambio con outras universidades a través dos programas que oferta a USC e continuar así coa política de captación de alumnado aspecto que “converte a esta Escola nun dos poucos centros que consegue aumentar a matrícula”.
O director manifestou tamén a súa preocupación pola escasa presenza departamental na Escola, xa que para impartir as titulacións traballan con 17 áreas de coñecemento diferentes e o centro únicamente dispón dun departamento. Ademais, Modesto Rodríguez tratará de potenciar a innovación educativa mediante grupos de investigación e manter a proxección social coa que conta a Escola na actualidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2007.