O profesor Pedro Faraldo participa como avaliador internacional nos Premios da Asociación Universitaria Iberoamericana de Posgrao
O profesor Pedro Faraldo Roca, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa e adxunto á vicerreitora de Calidade e Planificación da USC, xunto co profesor da Universidade de Sevilla Antonio Pascual Acosta, participan estes días na Universidade mexicana de Juárez Autónoma de Tabasco na avaliación dos Programas presentados aos V Premios da Asociación Universitaria Iberoamericana de Posgrao (AUIP) á Calidade do Posgrao e Doutoramento en Iberoamérica.
AUIP iniciou en 1989 un ambicioso programa de calidade da formación avanzada co propósito de mellorar a oferta de posgrao e doutoramento que as institucións asociadas poñen a disposición da comunidade académica internacional. Durante os últimos anos logrouse que moitos programas se sometesen voluntariamente a procesos de autoavaliación beneficiándose así das posibilidades que a Asociación brinda de utilizar a cooperación académica internacional para introducir axustes e correctivos e procurar o fortalecemento e consolidación dos programas.
Os premiosRecoñecer a calidade dos programas de formación avanzada que ofrecen as institucións asociadas á AUIP é o obxectivo dos premios, que pretenden potenciar os esforzos institucionais que se están facendo para mellorar a oferta académica.
Os Premios creáronse co propósito de promover os requisitos mínimos de calidade que aseguren un adecuado nivel de competitividade, recoñecer publicamente os logros alcanzados polos programas, premiar a aquelas institucións ou programas que demostren interese en permanecer activos aplicando unha estratexia de mellora continua, facilitar os procesos de autoavaliación e de avaliación externa e divulgar as estratexias institucionais exitosas en pos da calidade dos seus programas de formación avanzada.