Ir o contido principal

O profesor Ramón Bouzas Lorenzo tomou posesión como decano de Ciencias Políticas e Sociais

O profesor Ramón Bouzas Lorenzo tomou posesión como decano de Ciencias Políticas e Sociais
O profesor Ramón Bouzas Lorenzo tomou posesión como decano de Ciencias Políticas e Sociais

O reitor Juan Viaño presidiu este xoves 22 o acto protocolario de toma de posición do profesor Ramón Ángel Bouzas Lorenzo como decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais nunha sesión no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.

Capacidade de liderado, de diálogo e compromiso co seu centro e con esta institución son “competencias que o profesor Ramón Bouzas posúe en alto grao, como xa o vén demostrando dende a súa elección como decano”, afirmou o reitor na súa intervención. Viaño aludiu á Memoria de Calidade da Facultade de Ciencias Políticas que deixa constancia do “compromiso do centro coa adopción dun enfoque de calidade que procura non só a excelencia dos programas formativos que oferta se non a construción dunha comunidade académica comprometida cun ensino público de calidade e a máxima conexión co tecido socioeconómico”.

Completando o equipo decanal, a dirección da Facultade recae en Miguel Ángel Caínzos López como vicedecano e Irene Rodríguez Manzano como secretaria. A eles o reitor compostelán atribuíu “a encomenda de facer realidade” o compromiso contido na Memoria de Calidade o que “necesariamente conlevará un proceso de transformación e adaptación das dinámicas e dos procedementos que permitan dar resposta ás demandas sociais nun mundo globalizado e nunha contorna cambiante e incerta”.

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais é, en palabras do seu novo decano, “un centro en plena xuventude, con pouco máis dun cuarto de século de historia que ten alcanzado, malia os recursos escasos, unha posición académica respectada en España”. Ramón Bouzas lamentou “as profundas limitacións” emanadas de órganos de goberno suprauniversitarios que “con indubidable éxito , levan xa máis dunha década condenando as actividades docente e investigadora e á academia en xeral ao subdesenvolvemento e a extenuación”. Neste contexto, “decidimos hai un ano loitar por conseguir transformarnos e crear un proxecto renovador, vencendo a escaseza de tempo e de recursos, a rutina, as resistencias persoais, asumindo como principios de actuación o do diálogo, a transparencia, o respecto ás regras de xogo institucionais e a igualdade de oportunidades”. En conxunto, o decano avogou por “mellorar a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais sen relaxarnos nos argumentos dos reducidos medios ou dos obstáculos da política de ordenación universitaria, aínda que sexan estes poderosos inhibidores”.

Para os catro ano de goberno deste equipo decanal Ramón Bouzas propón cinco ámbitos de actuación, o primeiro deles arredor da oferta académica que coida “que nos debe levar a perfeccionar os programas que se imparten e traballar na configuración da oferta procurando aumentala”, tanto no grao como en posgrao. A Calidade é o segundo dos ámbitos de traballo deste mandado que apostará por definir ferramentas que permitan asumir “a calidade como valor transversal” . O profesor Bouzas tamén apuntou ás relacións institucionais, aumentando a presenza do centro en asociacións profesionais e académicas internacionais que faciliten a inserción do PDI en redes científicas e axuden á difusión dos resultados. Igualmente, propón “unha maior participación do alumnado e PDI en programas de cooperación, sincronizando as prácticas externas no estranxeiro coa oferta feita no marco Erasmus e atraendo PDI externo”. Nesta mesma liña e no marco de LEDUS, Ramón Bouzas “non quixera rematar o mandato sen ter experimentada e mesmo normalizada a oferta da docencia de parte das materias do grao en lingua inglesa”.

O abano de ámbitos de traballo pechouno o decano aludindo a unha maior dotación de recursos materiais e infraestruturas e á dinamización da vida cultural que, entre outros obxectivos, permitise fortalecer as relacións cos egresados e egresadas do centro.

Ramón Bouzas
Ramón Ángel Bouzas Lorenzo (Boiro,1967) é profesor titular do Departamento de Ciencias Política e Socioloxía e colabora co Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) e nos programas de capacitación en xestión pública de Cooperación Española. Con anterioridade á súa elección como decano, tamén formou parte en distintas etapas de anteriores equipos de dirección da Facultade. Foi Visiting Scholar na Goldman School of Public Policy da University of California–Berkeley, un dos centros máis prestixiosos na investigación e asesoría en políticas públicas de Estados Unidos. Anteriormente foi tamén investigador visitante na Università degli Studi di Bologna (Italia) e no Interdisciplinary Institute of Management da London School of Economics and Political Science.

Entre 1994 e a actualidade participou ininterrompidamente en proxectos de investigación sobre desenvolvemento institucional, modernización da xestión pública e redeseño de políticas públicas. A súa docencia e investigación céntranse nos campos da análise das organizacións públicas, e-goberno, recursos humanos, marketing de servizos públicos e políticas de igualdade de xénero. Na actualidade é o investigador principal do proxecto ‘Brecha Digital e Inhibidores en la Implementación del E-Gobierno; Especial Impacto en el Ámbito de la Salud’ (CSO2014-53014-R), financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2018.