Ir o contido principal

O profesor Sebastián Villasante participa en Londres nun dos principais foros mundiais sobre economía e sostibilidade

O docente da Facultade de ADE en Lugo presentará no encontro Planet Under Pressure un estudo sobre a importancia da cooperación e a confianza como capital social

Sebastián Villasante, profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC no Campus de Lugo, participará proximamente como relator no encontro mundial Planet Under Pressure sobre cooperación, sostibilidade e economía, que se celebra en Londres entre os días 26 e 29 de marzo. O relatorio de Villasante estará centrado na importancia da cooperación e a confianza como capital social; os datos do estudo parten da realización de varios experimentos coas comunidades pesqueiras locais, mediante a participación activa de stakeholders (as ‘partes interesadas’ dunha actividade empresarial) na aplicación de sistemas mariño-ecolóxicos na Patagonia arxentina. A conferencia Planet Under Pressure reúne expertos de todo o mundo, entre eles varios premios Nobel, en diversas disciplinas (economía, bioloxía, ecoloxía...), co obxectivo de buscar fórmulas eficaces de cooperación para reducir a presión do ser humano sobre os recursos naturais e asegurar a habitabilidade do planeta para as vindeiras xeracións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2012.