Ir o contido principal

O profesor da Universidade de Boston Thomas Glick inaugura o programa de actividades do Ano Darwin 2009 en Santiago

Thomas Glick, profesor de Historia Medieval da Universidade de Boston, intervén este xoves 5 en Santiago para inaugurar neste Campus o programa de actividades ‘Darwin e a evolución’, co que a USC se suma á celebración dos 200 anos do nacemento do autor de A orixe das especies. A conferencia do experto estadounidense, que xa tivo lugar en Lugo este martes, leva por título ‘O darwinismo en Galicia. O pensamento evolutivo en Nóvoa Santos’. Todos os interesados poderán asistir a ela ás 19:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina ou seguila a través de internet con Windows Media Player ou VLC na ligazón mms://mmedia.usc.es/darwin.
ConferenciasA de Glick é o punto de partida dunha serie de intervencións que traerá a Santiago entre os meses de marzo e novembro a expertos como Juan Luis Arsuaga, Ginés Morata, José Luis Sanz, aos que tamén se engaden os investigadores da USC Marcos González, Luis Rodríguez Camarero e Gonzalo Álvarez. Este abano de expertos porá luz en temas diversos como os albores do darwinismo, o que supuxo a revolución darwiniana ou a relación entre fósiles, cultura e historia da vida ou entre xenes, desenvolvemento e evolución.
Pola súa banda, ‘Darwinismo en Galicia’ é o lema da primeira das mesas redondas que se vai celebrar ao abeiro deste ciclo. Prevista para o 12 de marzo e moderada polo profesor Marcial Gondar, seguiranlle outras dúas sobre ‘Darwinismo e sociedade’ e ‘Creacionismo vs evolucionismo’.
Para o derradeiro trimestre do ano están previstas outras dúas mesas nas que os debates de expertos xirarán ao redor da relación entre xenoma humano e evolución e sobre as fronteiras e controversias da teoría evolutiva.
Cine e músicaCatro son as propostas que se inclúen no apartado dedicado ao cine nesta programación. Trátase de ciclos que incidirán na evolución da técnica no cine, da imaxe da raza negra no cine norteamericano ou de Galicia no cinema. Finalmente, está prevista unha sesión na que se proxectará e debaterá ao redor do filme 2001: Unha odisea do espazo.
A evolución do ensino musical dende comezos do século XIX ata o primeiro terzo do XX e a introdución en España das novas correntes musicais serán obxecto de análise no mes de maio no primeiro dos dous ciclos musicais programados para este ano. A segunda das audicións previstas, xa en novembro, leva por lema ‘Jesús Bal y Gay: unha das figuras musicais da florecente etapa da cultura española nos anos vinte. Audicións en torno ao ‘Cancioneiro galego’.
Finalmente, a figura de Darwin e a influencia do seu pensamento en Galicia ocupará o seu propio espazo expositivo nunha mostra programada para finais de ano así como en dous novos volumes que se van editar especificamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2009.