Ir o contido principal

Un profesor da USC, na comisión técnica independente de doce expertos que avaliará os incendios de Portugal

Un profesor da USC, na comisión técnica independente de doce expertos que avaliará os incendios de Portugal
Un profesor da USC, na comisión técnica independente de doce expertos que avaliará os incendios de Portugal
Edelmiro López é o único investigador europeo de fóra de Portugal que traballará por mandato da Asemblea da República

O profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Edelmiro López Iglesias é un dos membros da comisión técnica independente que traballará este verán por mandato da Asemblea da República de Portugal para avaliar a orixe e circunstancias dos incendios acontecidos o pasado mes de xuño na zona de Pedrógão Grande.

Edelmiro López forma parte do grupo de seis membros designados polo Consello de Reitores das Universidades Portuguesas –os outros seis foron propostos polos grupos parlamentarios- en calidade de especialista en políticas agrarias e desenvolvemento rural, toda vez que o resto destaca polo seu labor nos ámbitos forestais, biolóxicos ou tecnolóxicos.

A USC convértese así na única institución universitaria europea que avaliará uns feitos que deixaron 64 mortes no país veciño. Xunto a López forman parte tamén, fóra de Portugal, un investigador en Tecnoloxía do MIT (Estados Unidos) e un membro do Corpo de Bombeiros de Cataluña.

A primeira reunión da comisión, de carácter constitutiva, tivo lugar este martes 18 en Lisboa. A partir de agora ábrese un prazo de traballo de como máximo tres meses para presentar un informe coas conclusións así como recomendacións pertinentes para previr situacións semellantes.

Edelmiro López Iglesias
Profesor no Departamento de Economía Aplicada, que na actualidade dirixe, López foi ademais director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC. A súa investigación céntrase nos campos da economía e política agraria, o desenvolvemento rural e a economía rexional, nos que dirixiu xa 20 proxectos de investigación e participou noutros 35.

Edelmiro López foi un dos redactores do Libro Blanco de la Agricultura y el Desarrollo Rural elaborado en 2003 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación español e de 2005 a 2009 ocupou o cargo de director xeral de Desenvolvemento Rural na Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia, asumindo tamén as responsabilidades de director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), o organismo encargado da xestión en Galicia das axudas da Política Agraria Común.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2017.