Ir o contido principal

O profesor da USC Darío Villanueva impartirá un curso na Cátedra Miguel Delibes da City University of New York

A conferencia publicarase na Colección 'Ensayos Literarios' da mesma cátedra, na que editaron Claudio Guillén, Ricardo Senabre e José Carlos Mainer

O catedrático da USC e membro da Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto, impartirá na Cátedra Miguel Delibes da City University of New York un curso titulado ‘Imaxes da cidade. Poesía e cinema, de Whitman a Lorca’. As conferencias, que se celebrarán dende este xoves ata o sábado, publicaranse na Colección ‘Ensayos Literarios’ da mesma cátedra e na que tamén editaron escritores como Claudio Guillén, Ricardo Senabre e José Carlos Mainer.
Contido do cursoAs sesións académicas centraranse no desenvolvemento das imaxes sobre a cidade industrial, captadas xa por Rimbaud e Baudelaire nas súas obras e de xeito máis completo en Leaves of Grass de Walt Whitman, na que se mostra a súa persoal visión de Nova York e cuxa última versión data de 1892. Unhas décadas despois, Ferderico García Lorca retoma esta cuestión en Poeta en Nueva York que comezou a escribir en 1929 en Hudson influído por Whitman.
Darío Villanueva tratará tamén esta cuestión a través da visión que ofrece o cinema dos anos vinte no que o concepto da imaxe resulta determinante. Así, o catedrático lembra que en 1921, Paul Strand e Charles Sheeler filmaron a súa versión de Leaves of Grass, xusto na época que Lorca viña de participar na Residencia de Estudiantes dun intenso clima de apreciación polo cinema e do que resultarían Un chien andalou de Dalí e Luis Buñuel e o propio guión cinematográfico do poeta granadino Viaje a la luna.
Outras conferenciasAs Universidades de Brown en Providence, Harvard e Temple en Philadelphia acollerán entre o luns 8 e o mércores 10 outras conferencias do catedrático Villanueva sobre a mesma cuestión e sobre o final da Galaxia Gutenberg e a Galaxia McLuhan.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2007.