Ir o contido principal

Un profesor da USC, encargado de presentar en Italia os resultados do experimento do LHCb no CERN que cuestiona a teoría actual en Física de Partículas

Jose Angel Hernando Morata, membro do Grupo de Altas Enerxías da USC, é co responsable do grupo de análise dedicado a este tema do LHCb

O experimento LHCb do CERN suízo continúa a dar resultados que poderían supor unha revisión da teoría actual en Física de Partículas, o Modelo Estándar. Así o puxo de manifesto este luns o profesor da USC Jose Ángel Hernando Morata, co responsable do grupo de análise dedicado a esta cuestión do LHCb, na conferencia internacional de Moriond, en La Thuile (Italia). Como portavoz do experimento, Hernando explicou como este pon a proba o citado modelo a través da medida dun proceso extremadamente raro como é a desintegración da partícula chamada mesón Bs, que ocorrería tres veces de cada mil millóns de desintegracións (10^9). De observarse a desintegración cunha frecuencia superior “sería evidencia de nova física”, apuntou Hernando. A observación deste modo de desintegración foi un obxectivo principal dos estudos de física de partículas na década pasada, un proceso no que os límites da súa taxa de desintegración foron mellorados gradualmente polos experimentos CDF e D0 do Tevatrón no laboratorio de Fermi en Estados Unidos, polo propio experimento LHCb e máis recentemente polo experimento CMS do CERN. Que sexa un profesor da Universidade compostelá o encargado de avanzar estes resultados do LHCb nun conclave de tanta proxección internacional como o de Moriond supón un novo recoñecemento ao intenso traballo científico do Grupo de Altas Enerxías da USC ao que pertence Hernando. En concreto, nesta investigación xunto con el tiveron unha participación activa o bolseiro de FPU Xabier Cid Vidal e Diego Matínez Santos, antigo membro do grupo e actualmente Fellow posdoutoral no CERN.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2012.