O profesor da USC Francisco José Ares Pena, na elite da tecnoloxía eléctrica e electrónica
O profesor Francisco J. Ares Pena, director do grupo de Sistemas Radiantes da USC, recibiu este mércores en Charleston (Carolina do Sur, EEUU) o grao de Fellow pola sociedade de Antenas que outorga o Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) polas súas achegas na síntese de diagramas de radiación en agrupacións de antenas. O profesor Ares foi o único español que este ano acadou este grao concedido a outros doce investigadores de todo o mundo.
O grao de Fellow recoñece a unha persoa cunha traxectoria extraordinaria nos campos de interese do IEEE. Neste senso, os logros que se premian corresponderanse a contribucións importantes no progreso ou a aplicación da enxeñaría, a ciencia e a tecnoloxía, sempre cun valor significativo para a sociedade. Este cadro de Fellows está considerado como un grupo de elite ao redor do mundo que ten encomendado guiar e liderar a evolución da tecnoloxía eléctrica e electrónica. Así, xunto ao profesor Ares, este ano incorporáronse investigadores doutras disciplinas pertencentes a prestixiosas institucións como o Instituto Tecnolóxico de Massachusets (MIT) ou ás universidades de Stanford, UCLA, Harvard, Berkeley ou Caltech.
A entrega, da man do presidente da Sociedade de Antenas do IEEE Makoto Ando, realizouse no transcurso da cena de gala do congreso ‘2009 IEEE Intenational Symposium on Antennas and Propagation’ que se celebra en Charleston ata este venres 5. No encontro, o profesor da USC intervén ademais como membro do xurado internacional que seleccionou os tres mellores traballos presentados por estudantes de doutoramento de todo el mundo e que tamén foron entregados na mesma sesión de gala.
A este destacado recoñecemento sumarase tamén o da Sociedade de Comunicacións do IEEE polo traballo desenvolvido polo profesor Ares no deseño de agrupacións de antenas. Será no trancurso do Congreso Internacional de Comunicacións que se vai celebrar en Dresde (Alemaña) do 14 ao 18 de xuño.
O profesor Ares PenaO profesor Francisco José Ares Pena doutorouse en Física pola USC en 1993. Posteriormente desenvolveu diversas estadías de investigación no Departamento de Enxeñaría Eléctrica na Escola de Enxeñaría e Ciencia Aplicada da Universidade de California nos Ánxeles (UCLA), onde desenvolveu parte da súa tese de doutoramento. Na actualidade é profesor de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Facultade de Física de Santiago. Recentemente recibiu da Aneca a Acreditación ao corpo de Catedráticos de Universidade.
Ten publicado máis de 250 artigos en revistas internacionais, congresos e capítulos de libro. Ademais, actuou como revisor en 21 revistas internacionais citadas no SCI (Science Citation Index) e pertence ao comité editorial de dúas delas.
Foi merecedor de diversos premios de investigación entre os que destaca o de mellor traballo presentado no Congreso de Antenas que celebrou a Axencia Europea do Espazo en xuño de 2005 en Holanda. A súa liña de investigación abarca métodos numéricos para resolver problemas electromagnéticos e síntese de agrupacións de antenas. Foi o presidente do comité organizador do congreso URSI Español (Unión Científica Internacional de Radio) en 1999, organizou varias sesións especiais sobre síntese de agrupacións de antenas no congreso internacional PIERS (Progress In Electromagnetic Research Symposium).
IEEEO Institute of Electrical and Electronics Engineers, organización sen ánimo de lucro considerada líder no avance da tecnoloxía, confórmano máis de 375.000 membros de máis de 160 países, cun total de 324 seccións e 1.784 capítulos que unifican aos membros locais dunha determinada rexión con intereses técnicos similares. As distintas áreas de coñecemento ás que o IEEE presta atención agrúpanse en 38 sociedades.
No seu haber posúe preto de 1.300 estándares e proxectos en desenvolvemento, máis de 1,7 millóns de documentos na súa libraría eletrónica e promove preto de mil conferencias anuais e un total de 144 publicacións periódicas.