Ir o contido principal

O profesor da USC Francisco José Ares Pena, na elite da tecnoloxía eléctrica e electrónica

Acaba de recibir o grao de Fellow que outorga o Institute of Electrical and Electronics Engineers, asociación profesional líder no avance da tecnoloxía

O director do grupo de Sistemas Radiantes da USC, Francisco José Ares Pena, é un dos trece investigadores de todo o mundo e o único español que este ano foi galardoado co grao Fellow pola sociedade de Antenas que outorga o Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE), organización sen ánimo de lucro considerada líder no avance da tecnoloxía.
O grao de Fellow recoñece a unha persoa cunha traxectoria extraordinaria nos campos de interese do IEEE. Neste senso, os logros que se premian corresponderanse a contribucións importantes no progreso ou a aplicación da enxeñaría, a ciencia e a tecnoloxía, sempre cun valor significativo para a sociedade. Este cadro de Fellows está considerado como un grupo de elite ao redor do mundo que ten encomendado guiar e liderar a evolución da tecnoloxía eléctrica e electrónica. Así, xunto ao profesor Ares, este ano incorporaranse investigadores doutras disciplinas pertencentes a prestixiosas institucións como o Instituto Tecnolóxico de Massachusets (MIT) ou ás universidades de Stanford, UCLA, Harvard, Berkeley ou Caltech.
No caso concreto do profesor Ares, o recoñecemento pretende resaltar as “contribucións no campo da síntese de agrupacións de antenas” do investigador da USC, o que na súa opinión demostra que o grupo de Sistemas Radiantes é un referente mundial neste campo para aplicacións de radar e comunicación por satélite.
O galardón aos trece seleccionados entregarase no transcurso do congreso da Sociedade de Antenas do IEEE que se vai celebrar no mes de xuño de 2009 en Charleston (EEUU). O pasado ano este congreso celebrouse en San Diego coa asistencia de preto de 1.600 especialistas de todo o mundo.
O proceso de selecciónA selección de Fellows do IEEE comeza coa nominación por parte dunha persoa que coñeza ben a obra científica do candidato (incluíndo os seus logros científicos e técnicos) e contando co apoio de, como mínimo, cinco Fellows. Cada unha destas nominacións recibe unha avaliación rigorosa articulada en dúas etapas. Na primeira, a cargo da Sociedade do IEEE elixida polo nominador (neste caso a Sociedade de Antenas), se realiza un ranking de cada un dos candidatos que posteriormente se envía ao Comité de Fellows do IEEE, que asignará unha puntuación a cada nominado das distintas sociedades atendendo aos seus logros científicos.
Finalmente, o Panel de Directores do IEEE seleccionará na xuntanza de final de ano o número total de Fellows de todas as sociedades (que non escederá do 0.1% dos membros votantes a 31 de decembro do ano anterior).
O profesor Ares PenaO profesor Francisco José Ares Pena doutorouse en Física pola USC en 1993. Posteriormente desenvolveu diversas estadías de investigación no Departamento de Enxeñaría Eléctrica na Escola de Enxeñaría e Ciencia Aplicada da Universidade de California nos Ánxeles (UCLA), onde desenvolveu parte da súa tese de doutoramento. Na actualidade é profesor titular de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Facultade de Física de Santiago. Recentemente recibiu da Aneca a Acreditación ao corpo de Catedráticos de Universidade.
Ten publicado máis de 250 artigos en revistas internacionais, congresos e capítulos de libro. Ademais, actuou como revisor en 21 revistas internacionais citadas no SCI (Science Citation Index) e pertence ao comité editorial de dúas delas.
Foi merecedor de diversos premios de investigación entre o que destaca o premio ao mellor traballo presentado no Congreso de Antenas que celebrou a Axencia Europea do Espazo en xuño de 2005 en Holanda, o Premio Extraordinario de Doutoramento en 1994 e o Premio de Innovación Docente en 2006, estes dous últimos xa na USC. A súa liña de investigación abarca métodos numéricos para resolver problemas electromagnéticos e síntese de agrupacións de antenas. Foi o presidente do comité organizador do congreso URSI Español (Unión Científica Internacional de Radio) en 1999, organizou varias sesións especiais sobre síntese de agrupacións de antenas no congreso internacional PIERS (Progress In Electromagnetic Research Symposium).
IEEE O Institute of Electrical and Electronics Engineers confórmano máis de 375.000 membros de máis de 160 países, cun total de 324 seccións e 1.784 capítulos que unifican aos membros locais dunha determinada rexión con intereses técnicos similares. As distintas áreas de coñecemento ás que o IEEE presta atención agrúpanse en 38 sociedades.
No seu haber posúe preto de 1.300 estándares e proxectos en desenvolvemento, máis de 1,7 millóns de documentos na súa libraría eletrónica e promove preto de mil conferencias anuais e un total de 144 publicacións periódicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2008.