Ir o contido principal

O profesor Xermán Labrador, da Universidade de Princeton, intervén no ciclo ‘Pasados incómodos: guerra, memoria e historia’

‘Historia por defecto. Os límites político-morais das narrativas de memoria histórica’ é a conferencia coa que o profesor do Departamento de Lingua e Cultura Española e Portuguesa da Universidade de Princeton Xermán Labrador se vai sumar ao ciclo ‘Pasados incómodos: guerra, memoria e historia’ que organiza o grupo Histagra. A intervención comezará ás 12.00 horas na Aula 13 da Facultade de Xeografía e Historia. Profesor da Universidade de Princeton dende 2008, Xermán Labrador (Vigo, 1980) abarca co seu labor investigador o estudo da historia literaria e cultural, estudos da memoria, a poesía, os movementos sociais e as culturas urbanas, con especial atención á España moderna e contemporánea. Con anterioridade a incorporarse á universidade americana, impartiu docencia na Universidade Salamanca e na e Hamburgo. O ciclo Especialistas da historia, estudos culturais, socioloxía, xudicatura e do pensamento analizaron coas súas conferencias o pasado e a memoria, así como o seu tratamento presente no ciclo ‘Pasados incómodos: guerra, memoria e historia’. Baltasar Garzón, Miguel Anxo Murado, Ricardo Robledo ou Xermán Labrador foron algúns dos conferenciantes convidados.

Histagra
Un dos principais obxectivos de Histagra é o estudo do golpe de 1936, a Guerra Civil, o franquismo e a transición política en España, e neste marco se desenvolverá o ciclo de conferencias dando así continuidade á experiencia acumulada polo grupo de nomesevoces.net que en 2007 organizou o I Encontro de Grupos de Investigación: Historia e Memoria e en 2010 o Congreso Internacional: Memoria da Guerra, reconciliación e cultura de paz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2014.