Ir o contido principal

O profesor Xoán Ramón Doldán García tomou posesión como decano de Ciencias Económicas e Empresariais

Xoán Doldán, primeiro pola esquerda, xunto ao reitor Antonio López. Foto: Servimav-USC
Xoán Doldán, primeiro pola esquerda, xunto ao reitor Antonio López. Foto: Servimav-USC
Xoán Ramón Doldán realizou na súa intervención unha diagnose extensa tanto das fortalezas como dos retos de futuro do centro
Santiago de Compostela

O profesor do Departamento de Economía Aplicada Xoán Ramón Doldán García tomou posesión este venres como decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais nun acto presidido polo reitor Antonio López.

O novo decano afirmou durante o acto de toma de posesión que o mandato que agora se iniciaba é un “proxecto aberto ás ideas e ás achegas de todos nós, con espazos de consulta, debate, transmisión de información que faciliten que a intelixencia colectiva de que dispoñemos nos permita alcanzar máis e mellores metas”. Fronte á disparidade de criterios, dixo crer na “posibilidade real de conseguir consensos e queremos que o decanato sexa un vehículo para facilitalos”. Neste senso “ valoramos a pluralidade e consideramos que isto é un activo e non unha rémora”, dixo. Na súa opinión “aprender a entendernos e traballar polo entendemento mutuo é un esforzo do que só pode saír unha maior proxección da nosa facultade”.

Xoán Ramón Doldán realizou na súa intervención unha diagnose extensa tanto das fortalezas como dos retos de futuro do centro, dende a perspectiva de toda a súa comunidade así como dende o punto de vista das infraestruturas ou dos procesos de funcionamento. Para pechar a súa intervención, lembrou que “as miñas orixes universitarias están aquí nesta casa, e a ela agora me debo, máis tamén sei que o meu clan aquí é Universidade de Santiago de Compostela. Se pido colaboración e axuda agora e no futuro para mellorar esta Facultade será sempre no convencemento de que isto redundará nun ben común para a nosa Universidade. E, de acordo con ese convencemento, ofrézolle a miña lealdade como representante máximo que vostede é da USC”.

Antonio López agradeceu o talante de consenso proposto por Xoan Doldán para os vindeiros catro anos, así como o traballo e dedicación de quen o precedeu no cargo, porque “o que temos e o que somos é froito do traballo continuado de moita xente ao longo do tempo”. O reitor destacou a complexidade organizativa e de xestión dunha Facultade como a de Ciencias Económicas e Empresariais con máis de 2.000 estudantes. Trátase dunha magnitude que pon de manifesto a importancia do labor social da Universidade e da relevancia da súa misión principal, dixo o reitor, quen tamén indicou ser consciente das necesidades do centro, ante o que comprometeu a súa vontade de traballar para eliminar a precariedade en calquera dos ámbitos en que se produza.

O reitor destacou ademais o compromiso da facultade na regulamentación das unidades administrativas de “enorme importancia para a docencia e a xestión da investigación”, na medida en que contribúen ao desenvolvemento da función social da USC.

Xoan Doldán Xoán Ramón Doldán García é profesor no Departamento de Economía Aplicada. Ten sido director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) entre 2005 e 2008; presidente do Comité Executivo da Plataforma Tecnolóxica Galega de Enerxía (ENERXE) entre 2007 e 2008, así como presidente do padroado da Fundación Sotavento Galicia entre 2005 e 2008 e do consello de administración de Sotavento Galicia SA no mesmo período. Ademais foi membro do consello de administración da Sociedade Enerxía de Galicia (ENGASA) de 2006 a 2008. Actualmente é vicepresidente da Asociación ‘Véspera de nada. Por unha Galicia sen petróleo’, dedicada á información e divulgación da problemática do teito do petróleo. Foi co director do grupo de Economía pesqueira e recursos naturais da USC e actualmente é membro do de Economía ecolóxica e dos recursos naturais, tamén da USC.

Ademais de ex presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España é o coordinador do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, un Regional Centre of Expertise (RCE) en educación para o desenvolvemento sustentable do RCE Network da United Nations University. As súas liñas de investigación son a economía ecolóxica, a dos recursos naturais e a da enerxía; o metabolismo socioeconómico, as contas do patrimonio natural ou o transporte sustentable.

O novo equipo decanal xunto a representantes do equipo de goberno que acudiu á sesión. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.12.2019.