Ir o contido principal

A profesora Alba Nogueira participa na República de Karelia nun seminario internacional sobre minorías en Rusia

Asiste en calidade de experta do Consello de Europa e profesora da USC

A profesora de Dereito Administrativo Alba Nogueira participa este mércores e o xoves na República de Karelia (Rusia) nun seminario internacional sobre ‘Minorías en Rusia: desenvolvendo linguas, cultura, medios de comunicación e sociedade civil’. Asiste convidada como experta no marco dun programa conxunto do Consello de Europa, a Unión Europea e o Ministerio para o desenvolvemento rexional da Federación rusa. Concretamente, a docente da USC presentou un relatorio sobre a experiencia europea en materia de linguas minoritarias e cooperación fronteiriza, e modera unha mesa redonda sobre o papel do karelio e o finlandés neste mesmo marco de cooperación. Este programa ten por obxecto preparar as bases legais para o recoñecemento das minorías lingüísticas e culturais de cara a un mellor recoñecemento da súa integridade e como garante da presenza desas minorías nos campos da cultura, a educación e os medios de comunicación. A participación da profesora Nogueira neste Seminario Internacional continúa unha colaboración co Consello de Europa que en breve tamén terá como froito a coordinación dun volume colectivo de análise da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2011.