Ir o contido principal

A profesora Ana Isabel Rodríguez Vázquez é a nova decana da Facultade de Ciencias da Comunicación

A profesora Ana Isabel Rodríguez foi secretaria do Departamento de Ciencias da Comunicación (de 2008 a 2020) e secretaria académica do centro (de 2020 ata 2022). Foto: Santi Alvite
A profesora Ana Isabel Rodríguez foi secretaria do Departamento de Ciencias da Comunicación (de 2008 a 2020) e secretaria académica do centro (de 2020 ata 2022). Foto: Santi Alvite
O estímulo da colaboración entre os integrantes da comunidade universitaria, a mellora das condicións laborais de PAS e PDI, a modernización de infraestruturas e o reforzo da internacionalización e da calidade do centro serán as liñas mestras do seu proxecto de goberno

Ana Isabel Rodríguez Vázquez foi elixida decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC co 100% do voto emitido nas eleccións que se desenvolveron o pasado 12 de maio.

Nun período no que a Facultade afrontará a renovación das titulacións e a implementación dos novos plans de estudo, a decana aposta for “entender a calidade como a peza nuclear” dun centro que “quere ser recoñecido no contexto universitario e social para desenvolver programas formativos que garantan a mellor e máis axeitada formación para o estudantado e dean resposta ás demandas do mercado laboral, tecnolóxico e investigador”.

Entre os desafíos do centro para os próximos anos, Rodríguez destaca tamén o “reforzo da internacionalización”, mediante a ampliación da oferta docente transnacional e o incremento da visibilización dos resultados de investigación; a “modernización de infraestruturas, coa actualización xa en marcha dalgunhas das instalacións do edificio deseñado por Álvaro Siza, como a dixitalización do estudio de TV e a renovación do seu estudio virtual; e a “consolidación e mellora das condicións laborais de PAS e PDI”, nun momento en que o centro, como o resto da USC, encara un acusado relevo xeracional.

Para nova decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, a chave para recuperar o dinamismo dos anos previos á pandemia está no mantemento “do espírito colaborativo dos integrantes da comunidade universitaria da Facultade”, polo que procurará potenciar a implicación do alumnado na elaboración de propostas e a promoción de iniciativas do centro.

Currículo

Docente do Departamento de Ciencias a Comunicación dende 2003, a profesora Ana Isabel Rodríguez Vázquez desempeñou diferentes cargos de xestión no Centro. Foi secretaria da Dirección do Departamento entre 2008 e 2020 e secretaria académica da Facultade dende o 5 de outubro de 2020, cargo que ocupaba na actualidade.

Doutora en Ciencias da Comunicación pola USC, conta cun sexenio de investigación e centra a súa traxectoria científica no tratamento informativo dos produtos comunicativos en todos os soportes (prensa, radio, TV, internet…), nas novas rutinas produtivas e os perfís profesionais nos medios de información, así como no estudo das audiencias, a programación televisiva e a alfabetización dos públicos.

No eido profesional dirixiu os espazos informativos da Televisión Local de Lugo, liderou e presentou o programa Os nosos pobos en TVE-Galicia, foi coordinadora de contidos da Produtora Ophiusa, S.L. e directora xeral adxunta de Interdix Galicia, S.L., promotora do portal www.galiciadixital.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2022.