Ir o contido principal

A profesora Begoña Barreiro, escollida decana da Facultade de Administración de Empresas da USC para un segundo mandato

Begoña Barreiro
Begoña Barreiro
Fernando Losada, como vice decano, e Pablo Durán Santomil, en calidade de secretario, completan o equipo liderado por Begoña Barreiro Fernández

A profesora do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC, Begoña Barreiro Fernández, resultou escollida por segunda vez decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas (Ade) do campus de Lugo, logo dun proceso de votación desenvolvido este xoves que deparou 22 sufraxios a favor, un en branco e outro nulo.

O profesor da área de Comercialización e Investigación de Mercados Fernando Losada Pérez, que actuará como vice decano, e Pablo Durán Santomil, docente da mesma área do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización, en calidade de secretario, completan o novo equipo decanal da Facultade de ADE, que responde á unica candidatura que concorreu a este proceso electoral. Begoña Barreiro salientou que o novo equipo de goberno electo para a Facultade de ADE mestura experiencia e novas caras, como é a do profesor Durán Santomil, quen desempeñará as funcións ata o momento desenvolvidas por Sebastián Villasante Larramendi, Jacobo Feás e Marta Portela, a quen agradeceu os traballo desenvolvido nestes anos. Os obxectivos programados pola decana electa para o centro universitario lugués cara aos próximos anos céntranse na posta en marcha dos distintos acordos e liñas de traballo recollidas xa no plano estratéxico aprobado polo centro, un documento de traballo que fai especial fincapé na xestión sustentable e eficaz dos recursos humanos e que sitúa o alumno e a súa formación como prioridade. O deseño dunha oferta de titulacións adaptada ás necesidades da sociedade, a transparencia e eficacia da xestión, a relación da Facultade de ADE de Lugo con outros centros universitarios do Campus Terra da USC e tamén doutros campus, a transferencia efectiva de coñecemento á sociedade e a progresiva internacionalización do centro universitario lugués a través dunha maior proxección exterior da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, constitúen dous dos obxectivos fixados por Begoña Barreiro para o seu segundo mandato.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2016.