Ir o contido principal

A profesora Carmen Fernández Morante sinala a escola e os profesionais da Educación como alicerces básicos da sociedade

Juan Viaño e Carmen Fernández Morante conversan momentos antes da toma de posesión. Foto: Santi Alvite
Juan Viaño e Carmen Fernández Morante conversan momentos antes da toma de posesión. Foto: Santi Alvite
No acto de toma de posesión como decana da Facultade de Ciencias da Educación

“A escola e os mestres e mestras, tan maltratados e denostados nestes tempos, son un dos alicerces básicos da sociedade e a Facultade de Ciencias da Educación é o seu principal laboratorio” , afirmou a profesora Carmen Fernández Morante no acto protocolario de toma de posesión como decana celebrado este luns 9 en San Xerome baixo a presidencia do reitor Juan Viaño. A decana, elixida para o cargo o pasado mes de outubro, destacou o perfil de Ciencias da Educación da USC, un centro que oferta nove titulacións, catro de grao, tres másteres e dous programas de doutoramento, e atende a formación de aproximadamente 2.500 estudantes matriculados. “ Agora, máis que nunca, debe ser referente na defensa do ensino público e da cultura democrática e favorecer sinerxías con todos os axentes educativos cos que compartimos aspiracións e finalidade”, engadiu Fernández Morante. A situación de crise e as políticas de intervención na universidade dende os gobernos central e autonómica “están a golpear dobremente o noso centro ao precarizar ao profesorado máis novo cortando as súas carreiras profesionais e ao non repoñer as prazas que quedan vacantes”. A nova decana reivindicou a necesidade de dispor de recursos mínimos para atender a responsabilidades propias, así como a identidade do persoal docente e investigador do centro, “o que somos e aspiramos a ser é profesores e profesoras universitarias que desenvolven equilibradamente e de xeito converxente a súa actividade docente e investigadora, porque ambas tarefas nos apaixonan e forman parte do noso quefacer cotiá”. A intervención de Fernández Morante rematou aludindo á actividade investigadora e de transferencia da facultade, “punto neurálxico e faro da investigación en Ciencias da Educación en Galicia”, entre cuxo persoal investigador atópanse “referentes dos seus campos de coñecemento no Estado”. Cun total de 21 proxectos de investigación competitivos de carácter nacional ou internacional activos, “os nosos resultados, polo xeral, non se patentan porque o coñecemento que xeramos é diferente”, e porque a súa transcendencia ten “unha clara proxección e utilidade social e a súa transferencia ten lugar nos procesos e institucións de educación e formación”. Pola súa banda, o reitor Juan Viaño dixo asumir o “compromiso de iniciar todos os trámites necesarios para que en poucos anos logremos ter unhas instalacións acordes coa actividade científica e docente que desenvolve o profesorado” desta facultade. Completan o equipo decanal, as profesoras María José Méndez Lois, Josefa del Carmen Fernández de la Iglesia e Diana Pregue Camaño, e os profesores Martín Leranoz Iglesias e Raúl Eirín Iglesias como vicedecanas e vicedecanos. Da secretaria do centro, encargarase a profesora Cristina Abeal Pereira. A proxección exterior do centro; a súa visibilidade institucional; ou o impulso do liderado da USC nas titulacións de Ciencias da Educación no SUG son algunhas das liñas de actuación que o novo equipo se formulou como retos no momento da súa elección. Carmen Fernández Morante Especialista en tecnoloxía educativa, a súa traxectoria profesional está vinculada ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) aplicadas á formación, tema sobre o que ten impartido docencia universitaria e cursos formativos e de innovación docente para profesorado de todos os niveis educativos así como para profesionais da educación. Impartiu materias universitarias como tecnoloxía educativa, novas tecnoloxías aplicadas á educación, educación en medios e web social ou investigación en e-learning

Carmen Fernández Morante foi vicerreitora de Titulacións e Persoal Docente e Investigador e xefa da sección de Tecnoloxía Educativa do Instituto de Ciencias da Educación. Pertence á Asociación Internacional para o desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e das Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación (Edutec) e ao Observatorio Galego de e-learning. Ademais forma parte do grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC e ten participado en numerosas publicacións e proxectos de investigación autonómicos e nacionais en colaboración con outros grupos das universidades de Sevilla, País Vasco, Illas Baleares, Murcia, Barcelona, Rovira i Virgili, Huelva ou La Laguna. Como investigadora principal traballa en diversos proxectos europeos competitivos (e-Hospital, IEPTL, ICTeachers, ICTGoGirls, Rural School Cloud ou Create your future).

O reitor xunto con parte do novo equipo decanal. Foto: Santi Alvite A sesión protocolaria celebrouse no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2015.