Ir o contido principal

A profesora Elena López Lago tomou posesión como decana da Facultade de Física

O reitor e a decana saúdanse nun momento da toma de posesión deste venres. Foto: Servimav-USC
O reitor e a decana saúdanse nun momento da toma de posesión deste venres. Foto: Servimav-USC

A profesora Elena López Lago tomou posesión este venres 22 do seu cargo como decana da Facultade de Física nunha sesión protocolaria que presidiu o reitor Antonio López no Salón de Actos da propia facultade. Completan o equipo de goberno Beatriz Fernández Domínguez, como vicedecana, e Manuel Vázquez Ramallo, como secretario. Na sesión tamén interveu o decano saínte, o profesor Luis Miguel Varela Cabo.

A decana considera que “a Facultade atópase nun bo momento tanto a nivel docente como investigador”, a pesar de que “nos últimos quince anos facer máis con menos foi unha constante na nosa vida profesional, de xeito que a falta de orzamento obrigounos a poñer en prácticas novas iniciativas a custe cero”. Dende o ano 2008 coa implantación do grao en Física, “asistimos a unha recuperación da matrícula de novo ingreso e a un incremento da nota de corte da titulación o que repercutiu positivamente nos resultados da aprendizaxe, como por exemplo, na redución da taxa de abandono”. Neste senso, os resultados acadados animan á decana a “traballar para que esta tendencia non se inverta e continúe indefinidamente, facendo esforzos dende a facultade e dende a propia universidade para cumprir coas expectativas que a sociedade e o noso alumnado teñen depositadas en nós”.

A gran demanda dos dobres graos foi outros dos argumentos presentes no discurso pronunciado pola profesora López Lago quen tamén subliñou que “a insuficiencia de espazos docentes frea tamén a posibilidade de solicitar un incremento do número de prazas de novo ingreso”. Neste senso lembrou que no presente curso, o número de solicitudes de admisión superou o medio millar.

No capítulo dos retos, Elena López Lago reivindicou “o papel da Facultade de Física, e por extensión da nosa institución, na futura universidade dixital”. Aseverou que “a oferta de títulos en liña oficiais ou non oficiais pero moi valorados polos empregadores, supón unha ameaza que estamos obrigados a converter en oportunidade para subsistir”. Na súa opinión é preciso “proxectar unha universidade viva, moderna e dinámica, vinculada, si, pero non tiranizada polo devir do mercado laboral como algúns pretenden, que aproveite as novas tecnoloxías para acceder a un maior número de estudantes e que ofreza moita flexibilidade sen caer na arbitrariedade”.

Afirmou tamén que “á preciso que a sociedade sexa consciente da importancia e intensidade do traballo que desempeña a Universidade, da súa capacidade de adaptación a calquera situación favorable ou desfavorable, de como se aproveitan os recursos sen dispendios, da inxente cantidade de horas extras non remuneradas, nin sequera demandadas”. Para rematar apelou á autocrítica interna, para a través da reflexión “adoptar medidas valentes do tipo que sexan para subsanar as deficiencias existentes e facer avanzar a universidade na dirección adecuada. Pero cara fóra so vale unha actitude: o xogo asociativo, todos para un e un para todos”.

Física “é unha facultade moi importante para a USC e para o conxunto do Sistema Universitario Galego”, dixo o reitor Antonio López quen comparte o criterio de que o centro ten “unha boa saúde”, se ben aposta por traballar “con tranquilidade pero sen compracencia para seguir mellorando e reafirmarnos no actual grao de calidade”. Antonio López mostrou o seu interese por atopar fórmulas que permitan atender as melloras que o centro require, tanto en materia de infraestruturas como de persoal.

Na sesión tamén interveu Luis Miguel Varela Cabo, decano saínte, quen agradeceu todo o apoio recibido durante o seu período de goberno ao fronte da facultade, destacando as principais retos e dificultades afrontados.

Elena López Lago
Elena López Lago é profesora titular da Área de Óptica do Departamento de Física Aplicada desenvolvendo a súa actividade docente na Facultade de Física e na Facultade de Óptica e Optometría, na actualidade no grao e no mestrado de Física. A nova decana xa formara parte nos últimos nove anos da dirección do centro onde ostentou o cargo de secretaria da Facultade.

López Lago forma parte do grupo de investigación de referencia competitiva Nanomateriais, Fotónica e Materia Branda coordinado polo profesor Luis Javier Gallego del Hoyo. Actualmente é investigadora principal do proxecto ‘Caracterización óptica de líquidos iónicos puros e dopados con sales para a súa aplicación en dispositivos fotónicos e electroquímicos’ e participou noutros quince proxectos de investigación e tres redes temáticas, dos que resultaron máis de medio centenar de artigos científicos xunto con outras tantas comunicacións a congresos.

Representantes do equipo decanal presentes no acto xunto co novo equipo decanal e o decano saínte, o profesor Varela Cabo (á dereita)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2019.