Ir o contido principal

A profesora e investigadora Mar Sobral consegue unha das 60 bolsas Leonardo

Mar Sobral logrou a bolsa nunha convocatoria altamente competitiva
Mar Sobral logrou a bolsa nunha convocatoria altamente competitiva
Á convocatoria desde ano, dirixida a persoal investigador de entre 30 e 45 anos cunha significativa produción científica, presentáronse 1.623 candidaturas

A profesora na Facultade de Xeografía e Historia e investigadora do Idega da USC Mar Sobral conseguiu unha das 60 bolsas Leonardo que acaba de conceder a Fundación BBVA de entre as 1.623 candidaturas presentadas, o que supón unha taxa de éxito do 3,7%, un indicador da alta competitividade da convocatoria.

Cos 50.000 euros da bolsa e un horizonte temporal máximo de 18 meses, Mar Sobral desenvolverá o proxecto From leaf to ecosystem: The evolutionary and ecological power of subindividual variation no que analizará como a variación fenotípica dentro dos propios individuos —por exemplo, entre follas ou flores dunha mesma planta— inflúe nos procesos evolutivos e na dinámica ecosistémica. “Pretendo evidenciar -explica a ecóloga Sobral- que esta variación subindividual é unha compoñente clave na comprensión da biodiversidade e na predición do funcionamento dos ecosistemas fronte a cambios ambientais”. A investigadora da USC pretende deste xeito abrir “novas vías” para integrar esta escala de variación na investigación ecolóxica e evolutiva contemporánea.

Os 60 proxectos altamente innovadores seleccionados nesta XII edición das bolsas Leonardo son iniciativas individuais desenvolvidas por profesionais de entre 30 e 40 anos que se atopan nun momento decisivo da súa carreira laboral. A convocatoria contempla dez áreas diversas da ciencia e a cultura: dende a de Ciencias do medio ambiente e da Terra na que se enmarca a bolsa de Mar Sobral ata as de Ciencias Básicas, Bioloxía e Biomedicina, Enxeñarías e Ciencias da Computación, pasando por  Artes Plásticas, Música e Ópera ou Creación Literaria e Artes Escénicas.

O programa Leonardo permite ampla flexibilidade ás persoas beneficiarias no modelado, execución e presentación final de resultados do seu proxecto, cunha marxe de tempo que vai dos 12 aos 18 meses. Cada unha delas pode desenvolver un proxecto implicando, no caso de que así o consideren, a institucións ou persoas colaboradoras.

As dez comisión avaliadoras reuniron un total de 97 persoas expertas do máximo nivel académico. No caso da área de Mar Sobral, estivo presidida por María-Paz Martín Esteban, profesora de investigación e directora do Real Xardín Botánico (CSIC), e integrada por Fulvio Amato, investigador científico no Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da Auga (CSIC); Pau Carazo Ferrandis, profesor titular no Instituto Cavanilles de Biodiversidade e Bioloxía Evolutiva da Universitat de València; Andrés Cózar Cabañas, catedrático de Ecoloxía na Universidade de Cádiz; Sara González García, profesora titular de Enxeñaría Química na Universidade de Santiago de Compostela; e Núria Marbá, investigadora científica no Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados de CSIC-Universitat de Les Illes Balears.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2025.