A profesora Lourdes Mella participa en Montevideo da organización do Congreso Mundial Cielo Laboral 2018
A profesora da Facultade de Dereito Lourdes Mella Méndez, participa na organización a vindeira semana en Montevideo do 2º Congreso Mundial Cielo Laboral 2018 co lema ‘ Cuarta revolución industrial e globalización’ e cuxo programa profundará na protección do emprego, a saúde e vida privada dos traballadores ante os desafíos do futuro. A profesora Mella é coordinadora xeral de CIELO laboral (Comunidad para la Investigación y el Estudio Laboral y Ocupacional).
Neste encontro participan especialistas procedentes de Arxentina, Bolivia, Brasil, Colombia, Chile, Ecuador, España, Francia, Italia, México, Perú, Polonia, Portugal, Suíza, Uruguai e Venezuela. A rede Cielo Laboral aborda temáticas relacionadas co mercado de traballo, as relacións laborais e a seguridade social dende a óptica das persoas. Partindo da importancia do carácter interdisciplinario da investigación, as liñas de traballo do grupo afronta temas de actualidade como a transformación do traballo, o papel das relacións laborais para facer fronte ás catástrofes naturais e ambientais, o dereito ao traballo do traballador/as que padece unha enfermidade crónica, a industria 4.0 ou a ‘sharing economy’, entre outras cuestións.