Ir o contido principal

A profesora Lourdes Mirón Redondo, elixida nova decana da Facultade de Psicoloxía da USC

Santiago Galdo Álvarez e Ana López Durán completan o equipo decanal electo

A profesora Lourdes Mirón Redondo foi elixida este venres 27 nova decana da Facultade de Psicoloxía da USC, logo da votación celebrada na Xunta de Facultade e na que se computaron 45 votos a favor da súa candidatura e dous sufraxios en branco.

Lourdes Mirón, que sucede a Socorro Rodríguez Holguín á fronte do decanato da Facultade de Psicoloxía, é profesora titular de universidade da Área de Psicoloxía Social do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía. As súas principais liñas de investigación son a violencia intergrupal e a relación entre agresión e xénero.

A decana electa Lourdes Mirón proponse como prioridades para os próximos anos avanzar na liña na que se vén traballando en aspectos como a participación activa de todos os sectores no bo funcionamento e a toma de decisións. A consolidación das prácticas externas e a colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), ou as accións de acollida e acompañamento aos novos estudantes e aos alumnos/as de intercambio, constitúen outros dos retos fixados polo novo decanato.

Mirón Redondo tamén fixa como obxectivos do seu mandato facer visibles as iniciativas da Facultade, os seus logros e necesidades, nas distintas instancias, ademais de impulsar estratexias de relación cos egresados e afianzar iniciativas destinadas á igualdade de xénero.

Os profesores Santiago Galdo Álvarez, da Área de Psicobioloxía, e Ana López Durán, da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos, completan o equipo de dirección da Facultade de Psicoloxía da USC liderado por Lourdes Mirón Redondo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2017.