Ir o contido principal

A profesora Mª José Buceta, premiada pola Federación Española de Enfermidades Raras

O premio, que entregará a princesa de Asturias, recoñece o traballo a toda unha vida en favor das investigacións neste campo

A profesora de Psicoloxía e directora da Unidade de Atención Temperá da USC, Mª José Buceta, recibirá este xoves 1 de marzo en Madrid o premio a toda unha vida outorgado pola Federación Española de Enfermidades Raras (FEDER) en recoñecemento ao traballo e investigacións que leva realizados neste campo ao longo de toda a súa traxectoria profesional. Profesora titular no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación dende 1988, Mª José Buceta está especializada en investigar sobre os modelos de intervención e valoración en atención temperá, tratando e avaliando casos en persoas con síndromes minoritarios como a síndrome de West, de Algelman ou de X-Fragil, entre outros. É directora da Unidade de Atención Temperá da USC. Mª José Buceta é unha das galardoadas nos premios que FEDER convoca anualmente e que este ano tamén recaeron na Consellaría de Sanidade da Comunidade de Madrid, no diario 'ABC', o Grupo Día ou o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), entre outros. A princesa de Asturias Letizia Ortiz entregará os recoñecementos este xoves en Madrid, nun acto en conmemoración do Día Mundial de Enfermidades Raras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.02.2012.