Ir o contido principal

A profesora María Jesús Giráldez, reelixida decana de Óptica e Optometría

A profesora Giráldez tivo cargos de xestión dende o ano 2001 ao exercer de subdirectora da Escola Universitaria de Óptica e  Optometría da USC durante 9 anos (de 2001 a 2010) e coordinadora do grao en Óptica e Optometría desde 2010 ata a actualidade. FOTO: Santi Alvite
A profesora Giráldez tivo cargos de xestión dende o ano 2001 ao exercer de subdirectora da Escola Universitaria de Óptica e Optometría da USC durante 9 anos (de 2001 a 2010) e coordinadora do grao en Óptica e Optometría desde 2010 ata a actualidade. FOTO: Santi Alvite
Un dos seus eixos de goberno consistirá en lograr que “o número de pacientes que poidan manexar baixo supervisión os nosos estudantes sexa cada vez maior e abarque diferentes tipoloxías”
Santiago de Compostela

María Jesús Giráldez foi reelixida decana da Facultade de Óptica e Optometría co 90% do voto emitido nos comicios que se desenvolveron o pasado 4 de maio. Giráldez, candidata única nestas eleccións, dirixirá este centro da USC xunto ao vicedecano Hugo Pena Verdeal, e continuando como secretario Carlos García Resúa.

Como responsable dun centro no que se imparte unha titulación que capacita para o exercicio dunha profesión sanitaria, a de óptico-optometrista, Giráldez propón, como principal eixo de traballo para os vindeiros catros anos, “alcanzar os máximos estándares de calidade na formación dos estudantes, estándares establecidos polo Consello Europeo de Optometría e Óptica, coa vista posta na acreditación do título segundo o Diploma Europeo”, explica.

Para dito fin, un dos aspectos máis relevantes é que “o número de pacientes que poidan manexar baixo supervisión os nosos estudantes sexa cada vez maior e abarque diferentes tipoloxías”, promovendo dende o decanato a implementación de metodoloxías docentes innovadoras, como son os proxectos Aprendizaxe-Servizo, que permiten incluír na docencia clínica a atención óptico-optométrica a grupos de poboación de diferentes idades, necesidades e capacidades.

En relación ao Máster en Optometría, pretende seguir traballando “sendo consciente da súa importancia para un futuro, esperemos que próximo, programa de doutoramento en Optometría, que complete o ciclo de formación de postgrao no ámbito desta Facultade”, sinala.

Currículo

A profesora Giráldez tivo cargos de xestión dende o ano 2001 ao exercer de subdirectora da Escola Universitaria de Óptica e  Optometría da USC durante nove anos (de 2001 a 2010) e coordinadora do grao en Óptica e Optometría dende 2010 ata a actualidade. Diplomada en Óptica pola Universidade Complutense de Madrid (1990), diplomada en Óptica e  Optometría pola Universidade de Granada (1995) e doutora pola Universidade Complutense de Madrid (2010), Giráldez é autora da tese titulada ‘Superficie de lentes de contacto hidroxel: caracterización e a súa relación coa adherencia de microorganismos’, na que achega coñecemento neste ámbito coa intención de evitar complicacións asociadas ao uso de lentes de contacto.

Con tres sexenios de investigación recoñecidos, e sendo a primeira óptico-optometrista en España en conseguir o seu primeiro sexenio de investigación dende a súa condición de diplomada (en 2005, antes de obter o título de doutora),  é membro da Escola de  Doutoramento Internacional da USC, dende 2011, dentro do programa en Medicina Molecular.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.05.2022.