Ir o contido principal

A profesora María Loureiro recolleu o premio María Josefa Wonenburger

María Loureiro recolleu o premio da man da conselleira Fabiola García. Foto: Xunta de Galicia
María Loureiro recolleu o premio da man da conselleira Fabiola García. Foto: Xunta de Galicia
O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia decidiu por unanimidade premiar a catedrática da USC polo seu labor científico

A catedrática de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, María Loureiro, recolleu este xoves o Premio María Josefa Wonenburger Planells da man da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, en recoñecemento ao seu labor na investigación científica, “o que a converte nunha das científicas máis influentes do mundo”.

O galardón, que concede a Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, premia o seu labor investigador no campo da economía ambiental e dos recursos naturais, o seu ámbito de especializacion, que tivo como resultado traballos destacados, entre os que figura por exemplo o estudo sobre a avaliación económica dos danos ambientais do Prestige, que foi utilizado pola propia Fiscalía no proceso de reclamación de danos. Nestes momentos, está a liderar un proxecto sobre as narrativas da economía do cambio climático, como evolucionan as preferencias polas políticas de mitigación e adaptación nos medios sociais. 

Na súa decisión unánime, a Unidade da Muller e da Ciencia destacou tamén a pertenza de María Loureiro na Real Academia Galega das Ciencias desde o ano 2022, sendo a primeira muller académica numeraria da Sección de ciencias Económicas e Sociais.

A premiada
María Loureiro (A Pontenova, Lugo, 1972) é licenciada en Economía pola USC e doutora pola Washington State University. En 2004 volve á USC da man do Programa Ramón y Cajal e dende o ano 2010 é catedrática de Fundamentos da Economía na USC. Ademais, foi profesora titular na Colorado State University e na Carlos III de Madrid.

A profesora da USC é ademais a responsable do grupo de investigación ECO-IURIS de análise xurídico-económica e a directora científica de Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS, integrado por investigadores das tres universidades galegas no eido das ciencias sociais. Conta no seu haber con máis de 120 publicacións científicas e sete teses de doutoramento dirixidas e neste momento colabora en catro proxectos de investigación.

O Premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde o ano 2007  e leva o nome da investigadora matemática galega, pioneira e referente internacional no ámbito das ciencias e que, ademais, foi unha investigadora adiantada aos seus tempos.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2024.