Ir o contido principal

A profesora de Matemáticas Rosana Rodríguez protagoniza un novo mural do proxecto valenciano ‘Dones de ciència’

No mural sobresae un retrato en primeiro plano de Rosana Rodríguez sobre uns diagramas que remiten á investigación da matemática galega
No mural sobresae un retrato en primeiro plano de Rosana Rodríguez sobre uns diagramas que remiten á investigación da matemática galega
Este proxecto pretende visibilizar e homenaxear a “grandes mulleres de referencia nacional e internacional nos seus respectivos campos de investigación”
Santiago de Compostela

A profesora da área de Análise Matemática Rosana Rodríguez López acaba de ser homenaxeada a través do proxecto ‘Dones de  ciència’, unha iniciativa da Universitat Politècnica de València  xunto co centro de innovación Las Naves do concello de València co apoio da FECYT. A iniciativa contribúe dende hai tres anos a visibilizar e homenaxear “a grandes mulleres de referencia nacional e internacional nos seus respectivos campos de investigación, a través da mirada de grandes mulleres tamén da pintura mural”.

Así, a investigadora e matemática da USC é protagonista dun retrato mural no IES Conselleria en València realizado pola pintora andaluza Carmen Morillo. “Síntome tremendamente agradecida e resulta unha inmensa honra” ter sido protagonista desta iniciativa, afirmou Rosana Rodríguez durante a inauguración do seu mural. Na mesma liña remarcou a importancia de “fomentar a visibilización para alcanzar a igualdade, pois historicamente as mulleres teñen estado nun plano menos visible que os seus compañeiros aínda compartindo logros. E é tremendamente importante fomentar que as mulleres poñan de manifesto o seu potencial en todos os ámbitos, na ciencia e en calquera tipo de actividade profesional que as faga sentirse realizadas".

No mural sobresae un retrato en primeiro plano de Rosana Rodríguez sobre uns diagramas que remiten á investigación da matemática galega, centrada nas ecuacións diferenciais. Respecto á técnica, destaca unha pincelada moi fresca e colorista, trazos característicos da obra de Carmen Morrillo. Durante a súa inauguración, a profesora da da USC agradeceu a elección da rama de Matemáticas para este proxecto e defendeu a súa importancia na vida cotiá, “proporcionan modelos para predicir a evolución de numerosos fenómenos, na meteoroloxía, economía ou epidemias, ademais de achegarnos ferramentas para facer que as operacións que realizamos a diario sexan seguras, sen esquecer que fomentan a nosa capacidade crítica ante a información que recibimos”, enumerou a modo de exemplos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2022.