Ir o contido principal

A profesora Mercedes Brea recibe unha cálida homenaxe na facultade

A profesora Mercedes Brea recibe unha cálida homenaxe na facultade
A profesora Mercedes Brea recibe unha cálida homenaxe na facultade

A catedrática de Filoloxía Románica Mercedes Brea recibiu esta mañá por sorpresa unha homenaxe dos seus compañeiros e compañeiras da universidade e amizades en recoñecemento á súa traxectoria docente e investigadora.

Presidido polo reitor Juan Viaño, no acto presentouse o volume Cantares de amigo. Estudos en homenaxe a Mercedes Brea no que, editado polo Servizo de Publicacións da USC, participaron moitos dos seus colegas e do que foron co editores os docentes de Filoloxía Románica Esther Corral, Elvira Fidalgo e Pilar Lorenzo Gradín. Participaron ademais con distintos discursos a catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Oviedo, Ana Cano; o director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás; e a vicedecana da Facultade, Elisa Fernández Rei.

Nas diversas intervencións fíxose mención á súa extensa traxectoria non só no eido docente e investigador senón de compromiso coa universidade. Non en van, Brea foi directora do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico nos seus comezos, vicerreitora de Profesorado e decana da facultade que hoxe a homenaxeou.

No ámbito investigador, dirixe un grupo que promove a investigación en Filoloxía e Literatura Románica Medieval, avalado pola súa traxectoria no estudo da produción literaria na Idade Media en xeral, e é tamén responsable da Acción COST IS1005 Medioevo Europeo (Medieval Cultures and Technological Resources). Foi, igualmente, a impulsora e coordinadora da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, que significou a unión de medievalistas especializados en distintas áreas de coñecemento como a Filoloxía, a Historia Medieval e a Historia da Arte.

No seu discurso, o reitor lembrou cómo a finais dos anos 80 Mercedes Brea percibiu a importancia que estaban cobrando as humanidades dixitais na creación de novos formas de investigación e de difusión do coñecemento “e grazas a esta intuición” Galicia, a través da colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, “situouse claramente á vangarda internacional nos estudos de lírica medieval galega”. Así, en 1996 púxose en marcha a Base de datos da lírica profana galego-portuguesa (MedDB) co corpus completo informatizado da nosa lírica medieval, “agrandando as posibilidades de pescuda sobre este campo do noso acervo literario e cultural, e na cal a profesora Brea continúa infatigablemente a traballar sempre con ansia innovadora”, concluíu.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2016.