Ir o contido principal

A profesora da Universidade de Burgos María Pilar Alonso Abad gaña o Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

Reunión do xurado XXII Premio Internacional Grupo Compostela Xunta de Galicia. Foto: Bárbara Fachal Santos
Reunión do xurado XXII Premio Internacional Grupo Compostela Xunta de Galicia. Foto: Bárbara Fachal Santos
O xurado destaca a súa traxectoria investigadora e académica, vencellada á difusión do patrimonio cultural e dos valores do Camiño de Santiago

O xurado do XXII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia decidiu onte en Santiago outorgar o galardón á académica e investigadora da Universidade de Burgos María Pilar Alonso Abad pola súa contribución á difusión dos valores do Camiño de Santiago na súa faceta de conferenciante e as súas singulares investigacións sobre o seu patrimonio cultural. Subliñando ademais a súa proxección nacional e internacional, dada a súa xuventude.

A candidatura, presentada pola Universidade de Burgos, contou co apoio de máis de 30 institucións e universidades entre as que destacan o Consello Superior de Investigacións Científicas, a Junta de Castilla y León, Patrimonio Nacional e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago.

Ao comunicarlle a decisión, a premiada declarou sentirse “honrada de compartir o galardón con relevantes persoeiros e institucións, destacados polo seu labor en favor da sociedade e a cultura”. Neste sentido, apuntou que “seguirá traballando pola cultura e en defensa dos valores representados polo premio”, para seguir facéndose “merecedora deste recoñecemento”.

A cerimonia de entrega terá lugar o 6 de setembro no marco da XXIV Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades, que este ano se celebrará na Universidade de Salamanca. Nesta cerimonia entregaráselle unha cuncha de ouro, emblema do Grupo Compostela de Universidades, e un premio en metálico de 6.000 euros.

Perfil da galardoada María del Pilar Alonso Abad é coordinadora do proxecto europeo Marie Curie en Arqueoloxía e Patrimonio Cultural, membro da sociedade Ernst-Herzfeld-Gesellschaft de estudios de patrimonio islámico e membro do Comité científico internacional da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago. É autora de obras como ‘El Real Monasterio de Las Huelgas de Burgos’ y ‘Las Vidrieras de la Catedral de Burgos’.

Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Navarra e en Humanidades pola Universidade de Burgos, Pilar Alonso é doutora en Humanidades coa especialidade en Historia da Arte por esta universidade.

Composición do xurado 2018 A reunión do xurado do XXII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia presidiuna este xoves o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo Suárez, en delegación do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Asistiron tamén o reitor da USC, Juan Viaño; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski; e os reitores da Pontificia Universidade Católica del Perú, Marcial Rubio Correa, e da Universidade de León, Juan Francisco García Marín.

A secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira Rivera, actuou como secretaria.

Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia O Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, desde a súa creación en 1997, galardoou a persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos. En edicións anteriores o premio recoñeceu o labor de persoeiros como Jacques Santer (1997), Vaclav Havel (1998), Mohamed AlBaradei (2010), o Colexio de Europa (2012) ou Marcelino Oreja Aguirre (2017).

O Grupo Compostela de Universidades O Grupo Compostela de Universidades (GCU) é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da educación superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e desde a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2018.